A Deputación pon en marcha Xuventude a Máis, un novo programa provincial dotado con 100.000 € para que os concellos oferten á mocidade propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna

“Avanzamos, unha vez máis, para dotar á xuventude da nosa provincia de propostas adaptadas ás súas necesidades”, asegurou o presidente provincial Luis López

19/12/2025

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra pon en marcha un novo programa: Xuventude a Máis, dotado con 100.000 € para que os concellos da provincia oferten á mocidade propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna. "Avanzamos, unha vez máis, para dotar á xuventude da nosa provincia de propostas adaptadas ás súas necesidades", asegurou o presidente provincial Luis López quen resaltou que en total se ofertarán 102 obradoiros e os concellos de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar de dous a catro actividades.

Os obradoiros, dirixidos a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, terán lugar entre setembro de 2026 e marzo de 2027. Serán de 20 horas de duración, para grupos de entre 7 e 15 mozos/as e, tal e como informou o presidente, distribuiranse en tres grandes temáticas.  No marco da área de habilidades para o benestar e o coidado persoal ofertaranse obradoiros de economía de fogar; seguridade básica para a mocidade: primeiros auxilios e defensa persoal; cociña, nutrición e mitos alimentarios; e saúde mental. No que respecta a expresión artística e cultura, a Deputación deseñou obradoiros de DJ, de iniciación á música tradicional galega, de edición de vídeo e fotografía, de creación de produtos gráficos ou de merchandising.  Finalmente, no que respecta ao bloque de conexión e coidado da contorna, proponse actividades relacionadas co sendeirismo, a orientación e interpretación do patrimonio natural; coa horta urbana e xestión biolóxica do solo; coa reciclaxe de mobles e obxectos e co adestramento canino.

Xuventude a Máis abrirá entre o 19 de xaneiro e o 6 de febreiro do 2026 o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes presenten as súas solicitudes e elixan as temáticas de obradoiros do seu interese. Unha vez rematado este prazo activaranse as engrenaxes para contratar o desenvolvemento dos obradoiros que terán lugar no último trimestre de 2026 e no primeiro do 2027.

videos

audios