A Deputación e a Fundación ECCA Social impulsan en Vigo o programa ‘Acompañámoste’ para favorecer a inserción laboral de persoas vulnerables

Luisa Sánchez e Paula Bouzós visitan as instalacións da entidade para coñecer o desenvolvemento desta iniciativa de acompañamento e formación sociolaboral

22/06/2026

A Deputación e a Fundación ECCA Social impulsan en Vigo o programa ‘Acompañámoste’ para favorecer a inserción laboral de persoas vulnerables

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, visitaron este luns as instalacións da Fundación ECCA Social en Vigo para coñecer de primeira man o desenvolvemento do programa ‘Acompañámoste’, unha iniciativa impulsada pola entidade viguesa e pola institución provincial para mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.

Durante a visita, as dúas representantes provinciais puideron intercambiar impresións co equipo técnico de ECCA Social e coñecer os detalles dun proxecto que combina formación ocupacional, orientación laboral e acompañamento individualizado, co obxectivo de ofrecer ás persoas participantes as ferramentas necesarias para acceder ao mercado laboral e avanzar cara á súa autonomía persoal e económica.

A vicepresidenta agradeceu a Fundación ECCA Social o seu labor na atención aos colectivos máis vulnerables e puxo en valor a importancia de programas coma este. “A formación e o acompañamento son fundamentais para abrir oportunidades e construír unha sociedade na que ninguén quede atrás”, sinalou.

‘Acompañámoste’, financiado con 15.000 euros por parte da Deputación, está dirixido a persoas en situación de especial vulnerabilidade, entre elas persoas migrantes, vítimas de violencia de xénero, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con diversidade funcional ou con responsabilidades familiares non compartidas. Ao longo dos próximos meses, as persoas participantes recibirán formación específica en atención sociosanitaria a persoas en situación de dependencia e discapacidade en institucións sociais, un sector con elevada demanda de profesionais.

Ademais da formación, o proxecto contempla accións de orientación laboral individualizada, elaboración de itinerarios personalizados de emprego, acompañamento na procura activa de traballo e intermediación co tecido empresarial.

Galerias de imagenes