Rafa Domínguez anuncia unha nova partida de 4,4 millóns de euros para a conservación de firmes na rede viaria provincial

A Xunta de Goberno deu luz verde á adxudicación dos seis contratos derivados do acordo marco de conservación de firmes, co que se está a actuar en vías de titularidade provincial situadas en todos os concellos de Pontevedra

21/08/2026

Rafa Domínguez anuncia unha nova partida de 4,4 millóns de euros para a conservación de firmes na rede viaria provincial

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación dunha nova xeira dos contratos derivados do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da Deputación, seis lotes que ascenden a máis de 4,4 millóns de euros. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, asegurou que as estradas provinciais “forman parte dese Valor Extra polo que levamos investido máis de 80 millóns en tres anos”, e puxo en valor que o obxectivo destes contratos é “dar servizo a estradas provinciais de todos os concellos da provincia para afrontar obras de reparación que melloren a seguridade viaria destas vías”.

A través destes contratos preto de 875.000 euros irán dirixidos aos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo Cotobade, Barro, Poio, Cangas de Morrazo, Moaña, Marín, Bueu, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Moraña e O Campo Lameiro (lote 4), a mesma cantidade que recibirá o lote co que se actuará en provinciais de Silleda, A Estrada, Forcarei, Caldas de Reis e Cuntis (lote 2).

Tamén se investirán preto de 725.000 euros nas estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Salceda de Caselas, Ponteareas, Mondariz, A Caniza, Covelo, Crecente, Salvaterra do Miño e Pazos de Borbén (lote 5), así como 685.000 euros nas vías da Deputación que atravesan os concellos de Vigo, Baiona, O Porriño, Mos, Tui, Tomiño e O Rosal (lote 6).

A Deputación tamén investirá preto de 650.000 euros irán dirixidos a acometer melloras en estradas provinciais de Vila de Cruces, Agolada, Lalín, Rodeiro e Dozón (lote 1) e outros máis de 635.000 euros para actuar nas vías de titularidade provincial de Barro, Poio, Caldas de Reis, Portas, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa (lote 3).

Rafa Domínguez sinalou que “as estradas provinciais son vías fundamentais para a vertebración do noso territorio, e o noso obxectivo é garantir que os 1.700 km destas infraestruturas estean en condicións axeitadas de seguridade para avanzar na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”.

videos