A Deputación destina 150.000 euros para que 41 concellos da provincia organicen actividades de dinamización da lingua galega

A institución provincial repartirá axudas que oscilan entre os 500 e os 9.600 euros para que os concellos organicen actividades como obradoiros, proxectos audiovisuais, programación de espectáculos, premios literarios ou edicións de libros en galego

16/05/2025

rafa domínguez en rolda de presa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de 150.000 euros para que 41 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 500 e os 9.600 euros para organizar obradoiros, impulsar proxectos audiovisuais e premios literarios, programar espectáculos, editar libros en galego ou, entre outras iniciativas, deseñar actividades de dinamización lingüística. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a que nos diferencia e a que dota ao noso pobo dunha identidade única que nos proxecta no mundo”, asegurou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.

En concreto, tal e como explicou Domínguez, na contorna de Vigo e no sur da provincia son 16 os concellos que recibirán achegas: A Cañiza contará con 1.798 € para as Letras Galegas 2025; A Guarda con 3.372 € para a Festa das Letras; As Neves con 2.286 € para o programa “As Neves en Galego 2025”; Covelo con 2.800 € para o proxecto de iniciación á creación de xogos de mesa en galego; Fornelos de Montes con 4.229 € para os premios de poesía e xornalismo Manuel Lueiro Rey “Causa Lueiro 2025”; Mondariz con 4.343 € para o programa de dinamización da lingua galega “O mes da nosa lingua”; Mos con 2.229 € para o proxecto “As cantareiras de Mos”; O Porriño con 5.638 € para actividades de promoción, difusión e conmemoración das Letras Galegas; Oia con 2.229 € para o proxecto audiovisual “Un camiño ben temperado 2025”; Pazos de Borbén con 5.486 € para un obradoiro de creación literaria e certame de relato curto; Ponteareas con 5.445 € para o fomento do emprego do galego no ámbito comercial e socioeconómico do concello; Redondela con 8.801 € para o proxecto de fomento do galego oral “Unha semaniña enteira”; Salvaterra de Miño con 1.775 € para o teatro e contacontos en galego de “Vive o Nadal en Salvaterra”; Soutomaior con 5.886 € para o programa Letras Galegas 2025; Tomiño con 3.943 € para o programa de actividades do 17 de maio; e Tui con 4.869 € para o programa “Tui en Letras 2025”.

Na contorna de Pontevedra reciben axudas nove concellos: A Lama recibirá 928 € para a segunda edición de “O galego en-canta na Lama”; Barro 4.129 € para “Dándolle á lingua 2025”; Caldas de Reis. 5.886 € para o proxecto “Poñendo luz ao galego”; Cuntis 1.555 € para o proxecto #FaiOGalegoViral; Marín 1.943 € para o Mac Marín (John Balan Fest) e o Festival de Cine do Mar; Moraña 3.543 € para “Merca en Moraña, sinte o Galego”; Poio 3.657 € para “Palco das letras”; Ponte Caldelas 2.800 € para as actuacións do espectáculo “A cova das letras: Pepa a Loba”; e Vilaboa recibirá 2.000 € para a actividade de dinamización da lingua galega con ecopersonaxes de conto.

En canto á comarca do Salnés, as axudas iran destinadas a nove concellos: A Illa de Arousa contará con 585 € para a lectura do libro en galego de Carlos Labraña e a adaptación teatral; Cambados con 3.372 € para “Mulleres do mar”; Catoira con 1.840 € para o ciclo de cine en galego “Promovendo a lingua e a cultura”; Meis 1.633 € para o espectáculo de monicreques “Os contos do Lobicán”; O Grove con 2.514 € para o proxecto “Lingua e cinema”; Pontecesures con 1.771 € para a campaña de Nadal “O teu comercio, a túa lingua, o teu agasallo”; Ribadumia con 4.743 € para o II Encontro Literario Concello de Ribadumia; Valga con 7.694 € para o XXVI Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo; e Vilagarcía con 4.867 € para o programa de actividades Literatur 2025.

No caso da comarca de Deza e Terra de Montes recibirán as achegas para actividades de dinamización da lingua galega un total de cinco concellos: A Estrada, 8.687 € para os Premios Literarios 2025; Cerdedo-Cotobade 3.086 € para “Cerdedo-Cotobade en galego”; Lalín 1.943 € para “Ronsel Lalín”; Silleda 498 € para o Programa Anduriña de aulas de galego infantís e xuvenís; e Vila de Cruces 1.179 € para o programa do fomento da lingua no comercio e na hostalaría. Finalmente, no Morrazo Bueu contará con 3.483 € para “Os Bolechas en Bueu” e Moaña con 9.601 € para o programa “21 días en galego”.

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.