A Deputación adxudica as obras de mellora da estrada que une A Franqueira e Cebreiro, na Caniza, por máis de 240.000 euros
O proxecto contempla a mellora da seguridade viaria da estrada cun reforzo do firme, a substitución das beirarrúas e a mellora da drenaxe
21/08/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, informou este venres do visto bo da Xunta de Goberno provincial á adxudicación das obras de mellora da estrada provincial EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, no concello da Caniza. Os traballos buscan mellorar a seguridade viaria da estrada cun reforzo do firme, a substitución das beirarrúas e a mellora da drenaxe, e foron adxudicadas por preto de 243.000 euros e teñen un prazo de execución de seis meses.
As actuacións previstas consisten nun conxunto de intervencións destinadas á mellora da seguridade viaria e da funcionalidade da vía. Comezarase coa roza e limpeza das cunetas, noiros e terrapléns, mediante medios manuais, a escavación de zonas en desmonte sobre rocha para conformar as cunetas e estabilizar os noiros. Tamén se acometerá a demolición e retirada dos firmes e beirarrúas existentes, para a súa substitución por novas solucións construtivas máis axeitadas. Executaranse traballos de escavación mecánica en zonas de tránsito para adecuar a plataforma da estrada aos novos anchos e mellorar as drenaxes e a seguridade nas zonas de ensanche.
Aplicarase unha capa de macadam bituminoso sobre a subbase e fresarase o firme existente naquelas zonas que o requiran para garantir a adherencia da nova capa de rodaxe, de mestura bituminosa en quente. Executarase tamén unha cuneta de formigón en “V” co fin de mellorar a drenaxe lonxitudinal da plataforma e evitar a acumulación de augas sobre o firme. Por ultimo, renovaranse as marcas viarias da sinalización horizontal con solucións que garanten a visibilidade nocturna e en condicións adversas.
