A Deputación abre o castelo de Sobroso tralas obras de mellora realizadas, nas que investiu 210.000 euros

O deputado provincial Pablo Castillo supervisou a actuación desenvolvida para a conservación das cubertas, que foi completada coa substitución de fiestras e vidros e coa aplicación de impermeabilizantes para arranxar os problemas de filtracións de auga

05/06/2026

A Deputación abre o castelo de Sobroso tralas obras de mellora realizadas, nas que investiu 210.000 euros

A Deputación de Pontevedra abre o castelo de Sobroso tralas obras de mellora realizadas, nas que investiu 210.000 euros. O deputado provincial Pablo Castillo supervisou a actuación desenvolvida no recinto, que estivo pechado desde outubro para mellorar a súa envolvente e solucionar os problemas de filtracións de auga. A partir deste momento poderase visitar en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas os sete días da semana.

Tal e como explicou Castillo, as obras de mellora do castelo de Sobroso consistiron na conservación da cuberta da Torre da Homenaxe, así como na da zona nobre, no corredor do paseo de Ronda e na parte de acceso interior ao castelo. O deputado provincial apuntou que tamén se substituíron fiestras e vidros por carpinterías novas e aplicáronse impermeabilizantes e hidrofugantes para arranxar os problemas de filtracións de auga que viña padecendo este recinto histórico.

A partir deste momento a veciñanza e os visitantes poderán percorrer o castelo de Sobroso e visitar as súas sete salas musealizadas. A tarifa xeral de acceso é de catro euros aínda que existen entradas con prezo reducido que se poden consultar tanto na web www.castelodesobroso.com como no punto de recepción de visitantes. A visita ao castelo, pódese completar cun percorrido pola senda botánica e as especies vexetais autóctonas que a integran.

Galerias de imagenes