A Deputación abre este martes o prazo para inscribirse nas actividades de Nadal organizadas no Castelo de Soutomaior e de Sobroso

En Soutomaior haberá visitas teatralizadas e obradoiros de decoración, de candeas, de postais e de cociña

22/11/2026

A Deputación de Pontevedra abre este martes 24 de novembro o prazo para inscribirse nas actividades de Nadal organizadas no Castelo de Soutomaior e de Sobroso a través das súas respectivas páxinas web. En Soutomaior haberá visitas teatralizadas e obradoiros de decoración, de candeas, de postais e de cociña. Pola súa banda, tanto en Soutomaior como en Sobroso porase en marcha “Na procura de Nico”, unha experiencia infantil compartida na que un elfo revoltoso convidará as familias a descubrir os seus xardíns e espazos a través do xogo.

Visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior

As visitas teatralizadas ofrecerán 750 prazas para gozar do castelo de Soutomaior dun xeito diferente e orixinal, a través dunha visita dinamizada e pensada para gozar en familia e achegarse á historia e ao patrimonio deste espazo. Terán lugar os días 4, 5, 6 e 8 de decembro en tres quendas: 12:30, 16:30 e 17:30 horas. Pola súa banda, en dúas quendas, ás 12:30 e 16:30 horas, repetiranse estas visitas os días 12, 13, 19, 20, 26, 27 e 30 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro de 2027. Cada quenda oferta un total de 25 prazas e a idade mínima para participar é de 8 anos.

Obradoiros e actividades no Castelo de Soutomaior

Ademais, desenvolveranse catro obradoiros e unha actividade no Castelo de Soutomaior que combinarán creatividade, tradición, gastronomía e diversión nunha contorna patrimonial singular. As actividades permitirán que as nenas e os nenos participen en experiencias adaptadas ás súas idades, elaboren as súas propias creacións e descubran o castelo. Os obradoiros de decoración de Nadal, de postais e de candeas están recomendados para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, con 20 prazas por actividade e unha hora de duración, e o obradoiro de cociña mais as aventuras do Nadal están recomendados para nenas e nenos de entre 4 e 10 anos e ofertan 20 e 25 prazas respectivamente.

No obradoiro de decoración, que terá lugar o 5 de decembro ás 16:45 horas, as nenas e nenos aprenderán a empregar elementos da natureza para deseñar creacións apropiadas para estas datas. Pola súa banda o obradoiro de postais, que terá lugar o 13 de decembro ás 16:45 horas, permitirá que a cativada prepare tarxetas para compartir bos desexos nestas datas. E, o obradoiro de candeas, que terá lugar o 26 de decembro ás 16:45 horas, está dirixido a crear candeas a partir dunha lámina de cera de abella e a decoralas con adornos naturais para celebrar a chegada do Aninovo.

As aventuras do Nadal: as trasnadas do elfo, terá lugar o 20 de decembro ás 16:45 horas. Cunha duración de hora e media e 25 prazas ofertadas, as familias terán que seguir o rastro dun elfo que escapou do Polo Norte e anda a facer das súas polo castelo. No interior do recinto, deberán descifrar as súas mensaxes e descubrir onde se agocha o elfo para convencelo de volver a tempo para a Noiteboa.

Finalmente o 30 de decembro ás 16:45 horas terá lugar un obradoiro de cociña de Reis para descubrir ingredientes, compartir a mesa e preparar doces destas datas. Esta actividade, para nenas e nenos de entre 4 e 10 anos, durará unha hora.

Na procura de Nico: unha aventura no castelo de Soutomaior e de Sobroso

Este ano os castelos de Soutomaior e Sobroso acollerán unha experiencia infantil compartida que estará protagonizada por Nico, un elfo revoltoso que convidará as familias a descubrir os xardíns de ámbolos dous recintos e os seus espazos exteriores. A proposta combina a maxia do Nadal coa posta en valor do patrimonio natural, aproveitando os percorridos exteriores para achegar as nenas e os nenos a riqueza botánica, as diferentes especies arbóreas e natureza que rodea os castelos.

A actividade consiste en pequenos desafíos e historias de fantasía, a través de pistas, que varía en función do recinto. Deste xeito, en Soutomaior Nico busca unha camelia pero, ao entusiasmarse, perde as sementes brillantes do seu saco e deixa un rastro de pistas polo xardín. Deste xeito, as familias deberán seguir o percorrido e resolver os desafíos para axudar a Nico. Esta actividade, cunha duración de 45 minutos, terá lugar o 29 de decembro ás 16:00 horas e oferta 25 prazas infantís para nenas e nenos de entre 5 e 11 anos.

Pola súa banda no Castelo de Sobroso Nico visita un trasno do bosque, amigo dos elfos do Polo Norte. O trasno agochou os sinais dun camiño secreto para orientar a zorra de Papá Noel e puxo a proba as familias, que deberán seguir as pistas para descubrir o percorrido. Neste caso, a actividade, cunha duración de 45 minutos, terá lugar o 30 de decembro ás 16:00 horas e oferta tamén 25 prazas infantís para nenas e nenos de entre 5 e 11 anos.