Luis López ilustra ante máis de 700 persoas o apoio contundente do goberno provincial ao tecido veciñal: “De cero a 1.000 colectivos atendidos e de cero a 11,5M€”

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado Javier Tourís; salienta o labor imprescindible dos colectivos veciñais para facer fronte ao reto demográfico a través da mellora do abastecemento de auga ou das actividades programas en centros sociais

09/12/2025

Gala provincia comunitaria

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ilustra o apoio contundente aos colectivos veciñais da provincia que caracteriza o goberno provincial: “En dous anos e medio, pasamos de cero a case 11,5 millóns de euros en apoio ao movemento veciñal, de cero a tres plans deseñados especificamente para a veciñanza e de cero a preto dun milleiro de colectivos atendidos”. Diante de máis de 700 veciños de comarcas de toda a provincia reunidos en Pontevedra con motivo da celebración da primeira Gala Provincia Comunitaria, organizada polo organismo provincial para facer balance dos resultados dos programas +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria; Luis López deixou clara a aposta do goberno provincial polo movemento veciñal como motor de cohesión e equilibrio territorial e ferramenta para facer fronte ao reto demográfico. “Non é o mesmo ter unha provincia que esquece aos seus, a outra que os pon no centro”, remarcou o presidente.

No auditorio de Afundación en Pontevedra, a Deputación celebrou a primeira gala Provincia Comunitaria. Un acto ao que asistiron máis de 700 persoas representantes de asociacións veciñais ou comunidades de usuarios de auga chegados de concellos de toda a provincia, así como alcaldes e concelleiros de diferentes concellos da provincia. O encontro, no que tamén participou o deputado responsable do servizo de Acción Comunitaria, Javier Tourís, xunto con outros membros do goberno provincial; foi conducido pola xornalista Rocío Padín e o cómico Isi e serviu para presentar as liñas mestras destes plans, coñecer da man dos beneficiarios os resultados destas axudas e desfrutar da actuación musical da Coral de Valga.

As dúas convocatorias do Plan Provincia Comunitaria, deseñado para promover actuacións de mellora de locais sociais de colectivos veciñais ou a adquisición de equipamentos, supuxeron un investimento de 3,8 millóns de euros para atender a 402 colectivos veciñais. Os dous plans +Aqua aprobados, pensados para financiar melloras nos sistemas de captación, abastecemento e control das comunidades de usuarios de auga, repartiron un total de 4,1 millóns de euros entre 439 entidades; e o novidoso +Novaqua, para a regularización de traídas de auga, serviu para atender 70 solicitudes por valor de 340.000 euros. “Non é igual apoiar a ningún colectivo que achegar recursos para 402, darlle as costas as comunidades de augas que financiar a 409 ou ignorar as necesidades das traídas a apoiar a regularización de 70”, comparou o presidente as políticas do seu goberno coas do anterior diante dos beneficiarios destas axudas.

Unha aposta estratéxica, a que está a facer a Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia, que terá continuidade nas contas do 2026. “Nesta casa non nos conformamos e xa temos a vista posta no vindeiro ano 2026 onde renovaremos o compromiso coa nosa veciñanza incrementando os orzamentos iniciais destinados a estes plans nun 20 %”, adiantou Luis López para confirmar novas convocatorias destes tres plans para o vindeiro ano cun orzamento inicial de 1,4M€ para o +Aqua e Provincia Comunitaria; e de 360.000€ para o +Novaqua.

De darlle a benvida a todos os asistentes foi responsable o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, quen puxo en valor o labor que fan estes colectivos por dinamizar a vida social nas distintas parroquias e localidades da provincia e a contribución a mellorar os sistemas de abastecemento de auga que axudan a fixar poboación nos asentamentos rurais. Un traballo altruísta que, segundo recoñeceu o deputado, motiva o esforzo da Deputación para recoñecelo e compensalo. “Dúas partes, a Deputación e o tecido veciñal, unidas por un nexo común, que non é outro que Javier Tourís. El é o maior valedor do movemento veciñal que pode ter esta provincia”, valorou Luis López o labor do responsable provincial de Acción Comunitaria.

“Estes plans de apoio ao movemento veciñal da provincia non son ningún agasallo por parte da Deputación, senón unha obriga e un exercicio de responsabilidade institucional e agradecemento”, concluíu o presidente para recoñecer e agradecer o labor destes colectivos veciñais ao mesmo tempo que garantiu o compromiso do goberno provincial co apoio ás asociacións veciñais e comunidades de usuarios de augas. “Grazas a vós, vivimos nunha provincia máis avanzada, máis participativa e máis cohesionada”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes

videos