A Deputación abrirá o 2 de xullo a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra da man da experimentación coa voz, o corpo e a música de Blanca Tolsá e Clo Plas

Serán as primeiras actuacións desta cita coas artes ao vivo que desenvolverá a institución provincial no Convento de Santa Clara do 2 ao 12 de xullo baixo o título ‘Nas marxes’

14/04/2026

A Deputación abrirá o 2 de xullo a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra da man da experimentación coa voz, o corpo e a música de Blanca Tolsá e Clo Plas

A bailarina e coreógrafa Blanca Tolsá e o proxecto musical galego Clo Plas serán os encargados de abrir o xoves 2 de xullo ‘Nas marxes’, a primeira edición da Bienal de Artes Vivas que promove a Deputación de Pontevedra, baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo. Será o punto de partida de 11 días, ata o 12 de xullo, nos que pasarán polo convento de Santa Clara 22 espectáculos de danza, performance, música, teatro, poesía e circo que achegarán o público á creación escénica contemporánea máis innovadora.

Blanca Tolsá é bailarina e coreógrafa valenciana afincada en Barcelona. A súa investigación artística céntrase na relación entre voz, movemento e son, atendendo especialmente aos seus desfases e asincronías. En Santa Clara presentarase o seu traballo ‘Microdesfase’, no que, como é frecuente nas súas pezas, constrúe espazos perceptivos que desprazan cara ao ilusorio, o dislocado e o disonante. Pola súa banda Clo Plas é a proposta de Xiana Arias e Berio Molina, onde traballan a partir da oralidade e a complicidade que implica compartir xestos, tics, fonemas e prosodia. Na Bienal de Artes Vivas presentarán ‘Clo Pau Plas Pedra’, un concerto acción no que os acompañan Javi Álvarez expandindo a súa música con sintetizadores, samplers, scratchs e demais cacharrada, e Diego Vites, que introduce ‘Xs Placudxs’, unha deriva dos cabezudos tradicionais cos que activa diferentes escenas.

O programa da Bienal de Artes Vivas inclúe algúns dos nomes máis relevantes do panorama escénico contemporáneo na Península e a nivel internacional. En Santa Clara a actriz María Roja porá en escena ‘Jérôme Bel’, a peza de 2021 na que o coreógrafo francés Jérome Bel, un dos representantes máis destacados do movemento da non-danza, repasa a súa traxectoria mediante unha conferencia escénica.

Outras presencias relevantes na programación desta primeira edición serán as do arxentino Martín Flores Cárdenas e a catalana Laia Estruch. O primeiro é director e dramaturgo, cunha ampla traxectoria na que os seus textos foron traducidos a distintos idiomas e estreados en teatros e festivais de múltiples países de Europa e América e que se presenta por primeira vez en Galicia. Pola súa banda, Laia Estruch é unha artista que se sitúa entre a performance e a escultura, cuxa obra se presentou en exposicións individuais como a que o Museo Reina Sofía lle dedicou en 2025, e que presentou as súas performances en multitude de museos, centros de arte e festivais.

Tamén estarán na Bienal a bailarina e coreógrafa Ángela Millano; o proxecto de danza contemporánea Vacaburra, no que converxen as traxectorias das galegas Andrea Quintana e Gena Baamonde; Lara Brown, unha artista que trata nos seus proxectos de repensar os límites do escénico, e o ‘quejío’ electrónico de Isabel do Diego, alter ego do músico andaluz Juan Diego Calzada.

Nas próximas semanas daranse a coñecer os nomes e o calendario completo que conforman o programa da primeira edición da Bienal de Artes Vivas que se desenvolverá do 2 ao 12 de xullo no convento de Santa Clara, en Pontevedra.

Galerias de imagenes