A Deputación recomenda revisar as viñas ante a aparición das primeiras manchas e síntomas de mildio
Coa volta das choivas, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda revisar os predios con síntomas compatibles coa botrite e tratar o kiwi ante bacterioses. Recolléronse as primeiras capturas de Cydia pomonella e observáronse crisálides nas sebes e plantas de buxo, polo que se reomenda instalar trampas de feromonas
03/05/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar un novo aviso fitosanitario do persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro no que recomendan revisar as viñas ante a aparición das primeiras manchas e síntomas de mildio. As manchas apareceron tanto en viñas non tratadas como naquelas nas que se realizara un ou máis tratamentos polo que, tendo en conta que se prevén precipitacións e temperatura mínimas algo máis altas que son favorables ao patóxeno, se recomenda extremar a vixilancia e, de aparecer manchas ou síntomas, comprobar o seu avance.
Coa volta das choivas, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro tamén recomenda revisar os predios con síntomas compatibles coa botrite, así como as follas e pampos con lesións por sarabia ou vento. A choiva tamén afecta ao kiwi, polo que se aconsella non descoidar os tratamentos fronte ás bacterioses para evitar os danos que poden causar sobre a futura floración.
Areeiro tamén recomenda incrementar a vixilancia ante o moteado da maceira e da pereira, en especial en variedes sensibles ou naqueles predios con danos polo patóxeno na anterior campaña. Con respecto ás froiteiras, o centro dependente da Deputación informa que esta semana tiveron as primeiras capturas de Cydia pomonella, que ataca aos froitos da nogueira, polo que cómpre aplicar trampas de feromonas como ferramenta para seguir esta bolboreta e aplicar os tratamentos nos momentos máis adecuados. No que respecta á bolboreta do buxo tamén se aconsella instalar as trampas de feromonas xa que esta semana observáronse crisálides nas sebes,aínda que queden algunhas eirugas.
Finalmente o avisto fitosanitario de Areeiro desta semana recomenda que, tras este novo episodio de precipitacións, se realice un novo tratamento dirixido ao control do milidio e outros patóxenos que poden afectar ás plantas de horta.
