A Deputación sinala que as precipitacións previstas para os próximos días poden favorecer as infeccións de botrite e mesmo inchar e provocar feridas na pel da uva

O persoal técnico do Areeiro destaca o excelente estado sanitario en xeral da uva, pero lembra que non se debe descoidar a vixilancia do mildio larvado pola alta densidade de esporanxios no ambiente, que tamén se pode incrementar polas precipitacións

01/08/2026

A Deputación sinala que as precipitacións previstas para os próximos días poden favorecer as infeccións de botrite e mesmo inchar e provocar feridas na pel da uva

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, sinala unha semana máis o excelente estado sanitario en xeral da uva no conxunto da provincia, malia algúns casos puntuais de predios máis atrasados na fenoloxía, con síntomas de mildio larvado e novas manchas nas follas. Os técnicos do Areeiro lembran a importancia dos labores culturais ao longo do ciclo de cultivo, imprescindibles para reducir a necesidade de tratamentos e para complementar as posibles intervencións que se realicen. En canto á previsión dos próximos días, non se prevé que se poidan producir danos, senón mesmo beneficios como o lavado dos acios ou a contención da acidez, pero nos predios nos que estea presente o mildio larvado cómpre non descoidar a vixilancia xa que a carga de esporanxios no ambiente é elevada e incrementarase coas precipitacións previstas.

En canto ao oídio, non se observaron novos síntomas nas plantas tratadas e cómpre tanto manter a vixilancia como continuar os labores culturais de eliminación de follas, de netos e de rebuscos nos predios con alta densidade de vexetación, xa que as condicións meteorolóxicas actuais son favorables ás infeccións deste patóxeno. De se produciren as choivas previstas, poderían aparecer síntomas de botrite nos acios que teñan rachos fisiolóxicos, buratos por eirugas de avelaíñas ou feridas nos grans polas rozas ou pola alimentación de paxaros ou avespas. Se as precipitacións son máis intensas do previsto, a uva podería inchar e dar lugar a novas feridas ao estoupar a pel, en especial nas variedades nas que é máis fina.

No que ten que ver coas avelaíñas do acio, nas trampas non se recolleron machos nin de Lobesia botrana nin de Eupoecilia ambiguella, e só se atopou un acio cun gran con perforación e unha eiruga no seu interior. Si se atoparon adultos de Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada, que comezará a buscar refuxio para poñer os seus ovos (estado de hibernación) cara a mediados ou finais de agosto. Os técnicos do Areeiro sinalan que se poden seguir aplicando insecticidas naturais rexistrados para este uso que carecen de prazo de seguridade ou o teñen soamente para un día. Ademais, nas zonas onde se detecte a súa presenza e se dean os seguintes síntomas (follas reviradas cara ao envés e endurecidas, ou superpostas en forma de tellas, cor amarela-dourada das follas de variedades brancas e avermellada nas tintas, flexibilidade das varas ou presenza de acios abortados ou semisecos), é aconsellable eliminalas para conter a enfermidade.

En canto á nogueira, o persoal do Areeiro segue a observar capturas reducidas da mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa), pero xa se atoparon as primeiras noces afectadas con larvas no seu interior. Os técnicos sinalan que se deben eliminar tanto os froitos que saian ao solo como os que amosen síntomas na árbore. Ademais, por primeira vez neste ano obsérvase un incremento significativo na frecuencia e intensidade dos síntomas da alimentación da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), polo que se recomenda aplicar un tratamento o antes posible para que un aumento non ben controlado da especie poida mesmo chegar a matar as plantas.

Galerias de imagenes