A Deputación recomenda manter a vixilancia nas viñas ante a posible reactivación do mildio e insiste no control da flavescencia dourada

O persoal técnico do Areeiro destaca o excelente estado sanitario xeral dos acios, pero lembra que a uva aínda non entrou no pintado e é necesario seguir atentos á evolución das enfermidades

12/07/2026

A Deputación recomenda manter a vixilancia nas viñas ante a posible reactivación do mildio e insiste no control da flavescencia dourada

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, acaba de emitir un novo aviso fitosanitario no que recomenda manter unha vixilancia constante das viñas durante os próximos días para detectar de maneira temperá posibles novos síntomas de mildio, ao tempo que insiste na importancia de continuar co control do insecto vector da flavescencia dourada nas zonas demarcadas.

O persoal técnico explica que a vaga de calor das últimas semanas, combinada coa humidade ambiental característica da provincia, favoreceu un avance sostido da fenoloxía das vides. Na maior parte das variedades brancas autóctonas, como o albariño, a uva aínda non iniciou o pintado, aínda que xa se observan lixeiros cambios nalgúns acios illados das zonas máis cálidas. Nas variedades tintas máis temperás este proceso xa comezou, unha situación moi similar á rexistrada nas mesmas datas da campaña pasada.

A situación sanitaria dos acios é actualmente moi boa ou excelente, xa que as altas temperaturas e o tempo maioritariamente seco das últimas semanas contribuíron a manter controlada a enfermidade e os focos de mildio larvado detectados con anterioridade permanecen contidos, sen que se observaran avances significativos nin se recibisen avisos que indiquen un empeoramento da situación. Con todo, nas plantas testemuña sen tratamento e nalgunhas viñas abandonadas continúan aparecendo novas manchas nas follas, o que confirma que o fungo segue presente no medio. De feito, os captadores instalados na Estación Fitopatolóxica do Areeiro continúan rexistrando unha elevada presenza de esporanxios, especialmente na parcela de seguimento. Por este motivo, o persoal técnico recomenda manter unha vixilancia continua das parcelas, especialmente mentres a uva non entre na fase de pintado, para detectar a posible aparición de novos síntomas e decidir, en función da evolución de cada viña, a necesidade de realizar novos tratamentos.

No que respecta ao oídio, as observacións realizadas esta semana indican unha presenza moi reducida da enfermidade. Os únicos síntomas detectados polo persoal de Areeiro localizáronse na viña experimental sen tratar e nunha parra dunha variedade de mesa que tamén parecía carecer de protección fitosanitaria. Ademais, dous técnicos comunicaron a presenza do fungo nalgunhas viñas de albariño, aínda que de forma moi localizada. A Deputación considera que, aínda que a incidencia continúa sendo baixa, é necesario manter a vixilancia, xa que a evolución da enfermidade dependerá das condicións ambientais das próximas semanas.

En canto á flavescencia dourada, a Estación Fitopatolóxica lembra que segue aberto o período para realizar os tratamentos insecticidas obrigatorios contra o Scaphoideus titanus, nas zonas demarcadas, así como os recomendados nas zonas limítrofes. O persoal técnico insiste en que os tratamentos deben aplicarse mollando correctamente o envés das follas e eliminando, sempre que sexa posible, os chupóns das cepas, xa que constitúen refuxios habituais para as ninfas. Ademais, reitera a importancia de extremar as precaucións nos desprazamentos entre comarcas para evitar a dispersión accidental do insecto e lembra a conveniencia de eliminar e destruír completamente as cepas que presenten varios síntomas compatibles coa enfermidade ou comunicar a súa presenza aos propietarios das parcelas afectadas.

Por outra banda , a calor intensa das últimas semanas provocou un incremento dos síntomas de acariose e tamén unha maior presenza de erinose, que nesta campaña presenta unha distribución máis ampla do habitual. A Deputación chama a prestar atención aos golpes de sol nos acios, e lembra que as esfollas deben realizarse sempre con moderación e evitando retirar follas na cara exposta ao sol da tarde, para non incrementar os danos sobre a uva.

O estrés provocado polas elevadas temperaturas tamén fixo máis visibles os síntomas de seca, de esgotamento nutricional e das enfermidades da madeira. Nos casos nos que estas afeccións se concentren nun único brazo da cepa e non exista posibilidade de recuperación, recoméndase a súa eliminación en condicións de tempo seco, realizando cortes limpos e protexendo posteriormente as feridas cun funxicida.

Froiteiras, buxo e piñeiros

Nas froiteiras, a Deputación recomenda retirar e destruír as froitas podres, danadas ou caídas ao chan para reducir a propagación de fungos e outras enfermidades durante a maduración. Pola súa banda, no buxo nas plantas controladas polo Areeiro continúa sen detectarse unha incidencia importante da bolboreta Cydalima perspectalis, aínda que se insiste en manter a vixilancia para actuar con rapidez se aumenta a actividade das eirugas. Finalmente, a Estación Fitopatolóxica informa de que esta semana se rexistrou a primeira captura de procesionaria do piñeiro nunha das trampas de seguimento.

Galerias de imagenes