A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial pontevedrés, dotadas con 90.000 euros

Os colectivos sen fins de lucro poderán recibir ata un máximo de 10.000 euros para rehabilitar embarcacións tradicionais, aparellos de pesca ou construcións en terra como almacéns, fábricas, estaleiros e embarcadoiros, entre outros

07/10/2025

A Deputación de Pontevedra abre ata o 27 de outubro o prazo para solicitar as axudas para a recuperación e posta en valor dos bens que integran o patrimonio marítimo-fluvial da provincia. A institución mobiliza un total de 90.000 euros que poderán recibir aqueles colectivos sen fins de lucro da provincia que sexan titulares destes bens, que en todo caso deben ser de construción e tipoloxía tradicionais e feitos con elementos e procedementos igualmente tradicionais.

A Deputación convoca estas axudas en réxime de concorrencia competitiva co fin de preservar e difundir o patrimonio marítimo-fluvial galego, dunha gran riqueza e singularidade e que, polo seu valor propio, debe ser estudado e considerado para a permanencia e a identidade da cultura ao longo do tempo. Por este motivo, a finalidade das achegas será intervir nestas embarcacións para o seu uso en actividades de promoción sociocultural na provincia, e en ningún caso poderán empregarse para a pesca ou a acuicultura.

En concreto, as subvencións están divididas en tres liñas de actuación. A primeira, para a rehabilitación de embarcacións tradicionais co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de conservar elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. A segunda, para a restauración e conservación de aparellos de pesca e outros elementos vinculados á cultura marítimo-fluvial. Por último, unha terceira liña para construcións e instalacións en terra, como almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras, ou mostras da arquitectura industrial e popular marítimo-fluvial na provincia, para ser reconvertidas en espazos culturais. Todas as accións de restauración e conservación deberán redundar na posta en valor dos bens patrimoniais intervidos.

O importe máximo da subvención para cada actuación non poderá superar o 80% do orzamento total e, en calquera caso, os 10.000 euros (agás no caso de non esgotarse o crédito e baixo criterios de proporcionalidade, pero sen superar o 80% citado anteriormente). Cada entidade poderá presentar unha soa solicitude, que deberá cursarse a través da Sede electrónica da Deputación e que irá acompañada de documentación como a memoria explicativa da actuación que se pretende desenvolver, así como o orzamento de gastos e ingresos ou a acreditación da titularidade do ben obxecto de rehabilitación ou mellora, entre outras.

As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.