A Deputación concentra a máis de medio cento de persoas do sector turístico nunha xornada no Palacete das Mendoza para planificar e xestionar ordenadamente e con seguridade a eclipse do 12 de agosto

“Queremos que o astroturismo sexa un produto turístico estable, que nos permita posicionar a nosa provincia como un referente de calidade e dar pasos cara adiante na desestacionalización, sostibilidade e diversificación do destino Rías Baixas”, remarcou o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña

20/04/2026

A Deputación concentra a máis de medio cento de persoas do sector turístico nunha xornada no Palacete das Mendoza para planificar e xestionar ordenadamente e con seguridade a eclipse do 12 de agosto

A Deputación de Pontevedra concentra a máis de medio cento de persoas do sector turístico nunha xornada no Palacete das Mendoza organizada en colaboración coa Fundación Ceo para planificar e xestionar ordenadamente e con seguridade a eclipse do 12 de agosto. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, remarcou na inauguración da sesión, que “queremos que o astroturismo, un dos eixos da nosa Estratexia Rías Baixas 61, sexa un produto turístico estable, que nos permita posicionar a nosa provincia como un referente de calidade e dar pasos cara adiante na desestacionalización, sostibilidade e diversificación do destino Rías Baixas”.

“Esta provincia será o 12 de agosto un lugar clave no mundo para observar a eclipse solar -asegurou o deputado- e por iso levamos meses traballando arredor deste acontecemento, apostando por unha planificación e xestión ordenada que nos permita garantir a seguridade das persoas”. Neste eido, Almuíña subliñou a importancia de traballar conxuntamente co sector, “con iniciativas como esta xornada, sumando sinerxías para avanzar no impulso do noso destino e para seguir posicionando a nosa provincia como un referente de calidade”.

A Deputación de Pontevedra, con esta xornada, na que tamén participou o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, pretende coordinar ao sector turístico achegando formación clave para que empresas, oficinas de turismo e persoal técnico dispoñan de criterios comúns, información rigorosa e pautas de actuación ante un evento como a eclipse do 12 de agosto, que se prevé de grande afluencia, coa finalidade de que o sector poida organizar experiencias seguras e descentralizadas. Neste eido, o aforo do salón de actos do Palacete das Mendoza completouse con representantes do sector turístico provincial interesados en coñecer as claves do trío de eclipses que vivirá a Península Ibérica os anos 2026, 2027 e 2028, achegadas por Cintia Cabada, da Fundación Ceo, e Ana Ulla, catedrática de astronomía e astrofísica da Universidade de Vigo. Ambas científicas debullaron este fenómeno e analizaron as peculiaridades da observación diúrna, así como, entre outras moitas cuestións, detallaron aspectos relacionados coa seguridade ocular. Tamén houbo tempo para realizar unha práctica in situ de observación solar, da man da Fundación Ceo, e abrir quenda de preguntas e debate para dar resposta e estudar as necesidades do sector arredor da eclipse solar.

Rede provincial de observación da eclipse

Ademais, durante a xornada a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, detallou a rede de puntos de observación da eclipse solar na provincia de Pontevedra e o traballo cos concellos dentro do produto turístico Baixo o ceo das Rías Baixas. Nestes momentos, forman parte da rede os concellos de Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Catoira, Cerdedo Cotobade, Covelo, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Mondariz, Mos, Meis, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa.

Xornada en Forcarei

Esta actividade completarase con outra arredor do acontecemento astronómico que estará dirixida a técnicas e técnicos de turismo e terá lugar o 30 de abril en Forcarei. Nesta sesión analizaranse cuestións relacionadas coas certificacións starlight, nas que a Deputación está a traballar para acreditar aos castelos de Soutomaior e Sobroso, na contaminación luminosa, nas eclipses e na rede de observación. Completarase a xornada cunha práctica de observación solar no Observatorio astronómico de Forcarei.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.