Luis López fai balance da pegada dos plans de cooperación nas comarcas do Salnés e Caldas, cun investimento de 87,35M€ para impulsar os servizos e as infraestruturas
O presidente provincial resume nun encontro con xornalistas os principais proxectos executados nos 16 concellos destas dúas comarcas grazas ao apoio da Deputación
05/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de facer balance da pegada dos plans de cooperación do organismo provincial —Plan +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra— nos dezaseis concellos das comarcas do Salnés e Caldas a través dos cales mobilizáronse 69,1 millóns de euros ao longo de presente mandato para colaborar cos gobernos locais na mellora das infraestruturas e servizos co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza de dúas das comarcas máis poboadas da provincia. Un apoio que se eleva ata os 87,35 millóns de euros ao incorporar os investimentos na rede viaria de titularidade provincial ou con outros proxectos de cooperación como o PON2030. “Unha pegada profunda e diversa que ten actuación en todos os ámbitos, desde o deportivo, o patrimonial ou as infraestruturas. Insisto, só a través dos plans de Cooperación”, remarcou o dirixente provincial nun encontro con xornalistas celebrado este xoves na capital arousá.
Este compromiso cos concellos da comarca do Salnés e Caldas ten no terceiro municipio máis poboado da provincia o seu principal expoñente. O apoio da Deputación co Concello de Vilagarcía ao longo do presente mandato a través de todos os plans de cooperación provinciais supera os 9 millóns de euros que permitiron mellorar equipamentos públicos do Concello como as instalacións deportivas de Fontecarmoa, que grazas á inxección de case 2,9 millóns de euros da Deputación a través das distintas convocatorias dos plans de cooperación contará cun pavillón, piscina e pista de atletismo do máis alto nivel. “Un dos principais sinais de identidade desta Deputación que teño a honra de presidir é o apoio aos concellos, aos 61 que compoñen a provincia”, remarcou o presidente antes de detallar os recursos transferidos aos restantes concellos destas comarcas.
Na comarca de Caldas, en Barro, a pegada da Deputación cífrase en 3M€, que serviron para executar proxectos como o da mellora dos accesos ao parque Ría Barosa (0,43M€). En Caldas de Reis inxectáronse 4,76M€ que permitiron, por exemplo, executar o saneamento en distintos núcleos do concello (1,2M€). A Cuntis transferíronse 3,69M€ para facer realidade a humanización da rúa Bernardo Sagasta (0,5M€) ou a construción de piscinas (0,65M€). En Moraña, as transferencias ascenden a 3,13M€ que posibilitaron obras como as do campo de fútbol de Mirallos (0,4M€) ou a creación dunha senda peonil en Santa Lucía (0,3M€). E en Portas, a colaboración ascende a 3M€ para proxectos como o saneamento en Outeiro (0,12M€) ou a rehabilitación da escola de música (0,6M€). En Catoira, cun desembolso de 3M€, cos que modernizar instalacións deportivas como o campo de fútbol das Lombas, o pavillón municipal ou o club de piragüismo (150.000€). En Pontecesures, con 2,99M€, execútase a reforma das rúas Raimundo García (225.000€) ou a do camiño da Toxa (148.000€). A Valga transferíronse 4,5M€, para actuar na Lagoa de Porto Piñeiro (0,9M€).
Na comarca do Salnés, en Cambados, a transferencia de 4,95M€ facilitará a mellora do Pazo Torrado (0,8M€). No Grove mobilizáronse 5,08M€, para realizar obras como o acondicionamento do pavillón de Conmeniño (315.000€). Na Illa de Arousa, o investimento ascende a 2,96M€ cos que se acondicionaron as vivendas dos mestres no colexio Torre Illa (150.000€). En Meaño, con 4,16M€ transferidos, executouse o a cuberta da pista deportiva de Dena (423.000€). En Meis mobilizáronse 3,64M€ que permitiron realizar proxectos como o da Rúa da Igrexa (0,41M€). En Ribadumia, cun desembolso de 3,87M€, melloráronse parques infantís (170.000€). Os fondos transferidos a Sanxenxo ascenden a 7,9M€ para proxectos como a humanización de zonas como o pavillón de Baltar, un camiño en Dorrón ou a travesía Areal en Portonovo (0,75M€).E, finalmente, no Concello de Vilanova de Arousa mobilizáronse 5,04M€ que permitiron facer realidade a mellora de distintos camiños municipais (0,31M€).
Investimento de 14M€ na rede viaria provincial nestas comarcas
“Pero a colaboración cos concellos e coa veciñanza vai moito máis aló da inxección de recursos de xeito directo”, puntualizou o dirixente para detallas outras accións da Deputación nas comarcas do Salnés e Caldas como o investimento de 14M€ para a mellora das estradas provinciais en treitos destes 16 concellos, o apoio ás asociacións de veciños e comunidades de auga, que nestas dúas comarcas repartíronse 107 subvencións; axudas específicas para o tecido deportivo e de benestar social, máis apoio para as confrarías e cooperativas agrogandeiras ou o impulso ao turismo a través de proxectos como os Rías Baixas Fest, que tres deles se celebran nestas comarcas (Portamérica, Atlantic Fest e Revenidas).
Un compromiso manifesto nas comarcas do Salnés e Caldas que é extensible a todo o conxunto da provincia. “O termómetro que mide ese compromiso inquebrantable da Deputación cos concellos son os Plans de Cooperación cos mesmos. Neste mandato aprobamos tres e os tres seguen en marcha”, recalcou López. Os plans aos que facía referencia eran o Plan +Provincia, o plan de obras e servizos da Deputación para os concellos de menos de 50.000 habitantes que nesta terceira convocatoria acada os 85M€. Unha cifra de récord á que ao engadirlle os 48,2 mobilizados en cada unha das dúas convocatorias anteriores dá un investimento total de 181,4M€ en só tres anos nestes 59 concellos. O segundo destes proxectos é Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que leva xa tres convocatorias revolucionando as instalacións deportivas municipais cunha inxección de 20M€ para posicionar ás Rías Baixas como aprovincia do deporte. E o Plan Extra, o máis recente desta triada. Na primeira convocatoria repartíu máis de 38M€ para beneficiar a todos os concellos e este ano reedítase con 35M€ consignados inicialmente para facer realidade proxectos estratéxicos nos municipios de menos de 50.000 habitantes. Dúas convocatorias, 73M€ para os concellos. “Se sumamos todos estes recursos obtemos unha cifra histórica e moi significativa: 274,4M€”, redondeou López.
“Unha administración que coopera”
“Un compromiso decidido, firme e amplo que xa nos gustaría que fose compartido por outras administracións como o Goberno central”, afirmou o presidente para insistir na necesidade de contar cunha AP-9 gratuíta, na resolución das incidencias ferroviarias ou melloras na rede de estradas nacionais. “Son xa case tres anos de mandato no que queda claro que hai unha administración que propón, executa e coopera, que é a Deputación; e outra que marxina, abandona e mira cara outro lado, que é o Goberno central”, concluíu o presidente provincial.
