Chapela fai historia cun dobrete no regreso da Bandeira Deputación de Pontevedra de Traiñeiras

O club redondelano sumou o segundo triunfo da súa historia na categoría masculina e converteuse no primeiro vencedor da categoría feminina, estreada este ano

21/06/2026

Chapela fai historia cun dobrete no regreso da Bandeira Deputación de Pontevedra de Traiñeiras

A Bandeira Deputación de Pontevedra de Traiñeiras volveu este domingo ao calendario deportivo cunha xornada histórica marcada polo dominio do Club de Remo Chapela, que se proclamou vencedor tanto na categoría masculina como na feminina.

A competición masculina, que celebrou a súa XXII edición tras quince anos sen disputarse, coroou ao conxunto redondelano grazas a un tempo de 21 minutos e 26 segundos. Con este triunfo, Chapela engade por segunda vez o seu nome ao palmarés desta bandeira tras a súa vitoria do ano 2008. En segunda posición rematou a SD Tirán (21’38’’) e Samertolameu completou o podio (21’40’’).

A xornada estivo marcada polo fito que supuxo a celebración da I Bandeira Deputación de Pontevedra Feminina de Traiñeiras. O Club de Remo Chapela converteuse no gran protagonista da competición ao lograr a vitoria cun tempo de 11’20’’, por diante de Tirán (11’29’’) e de Amegrove (11’31’’).

A vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, entregou as bandeiras aos equipos gañadores e salientou a importancia de recuperar esta competición quince anos despois coa estrea da categoría feminina. “Hoxe devolvemos ao calendario unha proba histórica do remo da nosa provincia e facémolo, ademais, coa satisfacción de iniciar a disputa da categoría feminina, un avance que reforza o noso compromiso coa igualdade e coa promoción deste deporte”, afirmou.

A Bandeira Deputación de Pontevedra reuniu a máis de 180 deportistas, entre as dúas categorías, e aos mellores clubs da provincia. A xornada completouse coa celebración de diferentes actividades vencelladas ao remo destinadas ao deporte base ao abeiro de O Noso Club.

documentos

Galerias de imagenes