A Deputación ultima os días para solicitar as axudas ao deporte de ámbito inferior ao estatal, dotadas este ano de 700.000 euros, 50.000 euros máis que no 2025

Os clubs teñen ata o venres 29 de maio para solicitar esta liña de axudas que se divide en dúas modalidades, unha dotada de 640.000 € para o deporte en xeral neste ámbito e outra de 60.000 € para a competición de fútbol Galicia Preferente

24/05/2026

A Deputación de Pontevedra ultima os días para solicitar as axudas ao deporte de ámbito inferior ao estatal, que rexistran este ano unha suba de 50.000 euros respecto á convocatoria anterior chegando, así, aos 700.000 euros. As bases pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e os clubs teñen ata o venres 29 de maio para solicitalas.

As axudas están divididas á súa vez en dúas liñas, unha primeira destinada a clubs deportivos cuxa actividade principal se desenvolva no ámbito inferior ao estatal tanto cun equipo como cun deportista, e que conta cun crédito de 640.000 euros fronte aos 600.000 € de 2025. Cada club pode recibir ata un máximo de 3.000 euros nesta modalidade. A segunda liña está reservada aos clubs que participan cun equipo na competición de fútbol Preferente Galicia, que terán á súa disposición 60.000 euros. Trátase dunha suba de 10.000 euros respecto a 2025, e nesta modalidade os clubs poden recibir ata 6.000 € (mil euros máis que o ano pasado). En 2025 beneficiáronse, respectivamente, un total de 553 e 11 clubs en cada unha delas.

Os clubs poderán empregar os recursos para financiar os gastos derivados da súa actividade, como federativos, de competición e adestramento, de adquisición de material deportivo ou sanitarios. Con estas axudas, a Deputación de Pontevedra reforza o seu obxectivo estratéxico de fomentar o deporte e apoiar o tecido deportivo da provincia, no marco da súa orientación e compromiso institucional coa provincia do deporte. Esta aposta pasa especialmente por fomentar o deporte de base e apoiar os clubs deportivos, que sosteñen unha parte fundamental da práctica físico-deportiva: un elemento de saúde, inclusión, participación e ocupación activa do tempo de lecer no conxunto da provincia.

Enlaces de interés