A Deputación activa os 2,2 millóns de euros cos que os concellos poderán ofrecer unha primeira experiencia profesional a 129 mozos da provincia

A través do programa +Emprega nos Concellos, os municipios de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar ata o 22 de outubro recursos para fomentar entre unha e tres contratacións durante un máximo dun ano

06/10/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de activar a nova edición do programa +Emprega nos Concellos, un proxecto que mobilizará preto de 2,2 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes para promover primeiras experiencias profesionais para 129 mozos da provincia. As bases do programa publicáronse no Boletín Oficial da Provincia e os concellos poderán solicitar os recursos ata o 22 de outubro para fomentar entre unha e tres contratacións segundo o seu tamaño.

Deste xeito, os 11 concellos con ata 3.000 habitantes poderán solicitar unha contratación, os 26 concellos de entre 3.001 e 10.000 habitantes poderán solicitar dúas e, os 22 que conten cunha poboación de entre 10.001 e 50.000 habitantes, terán á súa disposición un total de tres contratos. Todos eles serán na modalidade de contrato formativo con destino a persoas tituladas universitarias ou con formación profesional de ciclos medios e superiores, coa finalidade de que poidan adquirir unha práctica profesional adecuada ao seu nivel de estudos que lles facilite a súa inserción no mercado laboral.

A contía máxima da achega que se concederá aos concellos por cada contrato formativo dependerá do nivel de estudo (dos 1.000 para ciclo medio aos 1.400 euros para titulacións universitarias), e o salario non poderá ser inferior ao 70% para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente aos estudos e funcións desempeñadas. A duración máxima dos contratos será dun ano. +Emprega nos concellos proporcionará ás mozas e mozos desempregados unha primeira experiencia profesional na que adquirirán competencias técnicas, sociais e profesionais e habilidades transversais, ademais de favorecer a aplicación práctica da súa recente titulación.