A Deputación ultima o prazo para solicitar as axudas que permitirán a 130 mozos desempregados ter a súa primeira experiencia profesional nos concellos da provincia

+Emprega nos Concellos está dotado de 2,2 millóns de euros e os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poden solicitar as axudas para contratar entre unha e tres persoas, segundo a súa poboación, ata o 9 de setembro

04/09/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o 9 de setembro o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia presenten as súas solicitudes para optar ás axudas do programa +Emprega nos Concellos. Dotado de 2,2 millóns de euros, fará posible que ata 130 mozas e mozos desempregados da provincia teñan a súa primeira experiencia profesional nos concellos pontevedreses. As bases da convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O programa +Emprega nos Concellos ten como obxectivo promover a inclusión social e a creación de emprego de calidade, así como o fomento da empregabilidade da cidadanía pontevedresa, dotando os mozos e mozas da provincia dunha primeira experiencia profesional mediante un contrato de traballo formativo de ata un ano de duración a tempo completo. A través desta experiencia búscase que adquiran competencias e habilidades tanto sociais como profesionais, ademais de romper a barreira que ten a mocidade para acceder a postos cualificados por falta de experiencia.

O número de contratos dispoñibles para os concellos varía segundo a súa poboación. Deste xeito, os 11 concellos da provincia con ata 3.000 habitantes terán á súa disposición un contrato, os 25 concellos cunha poboación entre 3.001 e 10.000 habitantes contarán con dous contratos e, por último, os concellos con entre 10.001 e 50.000 habitantes poderán solicitar ata tres contratos.

A contía máxima da achega que se concederá por cada contrato formativo dependerá do nivel de estudo, e o salario non poderá ser inferior ao 70% para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente aos estudos e funcións desempeñadas. Deste xeito, no caso dos postos que requiran licenciatura, grao ou diplomatura o máximo mensual será de 1.400 euros e 16.800 ao ano. No caso do dos ciclos superiores de Formación Profesional, 1.200 € ao mes e 14.400 € ao ano, e no dos ciclos medios de Formación Profesional de 1.000 € ao mes e 12.000 € ao ano.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.