A Deputación leva preto dun cento de persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo
Veciños e veciñas de 19 concellos da provincia gozarán de estancias en Mondariz-Balneario con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
24/01/2026
Un total de 83 persoas de 19 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar, con estadías no Balneario de Mondariz, en Mondariz-Balneario. Durante cinco días, ata o venres 30, accederán aos seus servizos de termalismo e similares en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural para fomentar o envellecemento activo.
Deste xeito, esta semana participarán no programa da Deputación 2 persoas de Barro, 11 de Cambados, 3 de Cangas do Morrazo, 2 de Catoira, 2 de Cerdedo-Cotobade, 2 da Estrada, 2 de Lalín, 7 de Marín, 2 de Meaño, 2 de Meis, 3 de Moaña, 10 de Nigrán, 2 de Ponte Caldelas, 2 de Pontecesures, 12 de Pontevedra, 2 de Tui, 4 de Vila de Cruces, 8 de Vilagarcía de Arousa e 5 de Vilanova de Arousa.
No marco do programa de termalismo +Benestar preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz-Balneario, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.