A Deputación pecha a estancia da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) no CEIP Plurilingüe de Guillarei, en Tui, cun encontro coa escritora Ledicia Costas

A deputada provincial Paula Bouzós visitou o centro educativo na penúltima xornada da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) en Tui que, tras pechar este venres a súa estancia en Guillarei, recalará no Centro de Estudios Alba de Vigo, onde estará disposta entre o 8 e o 22 de xuño

04/06/2026

A Deputación pecha a estancia da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) no CEIP Plurilingüe de Guillarei, en Tui, cun encontro coa escritora Ledicia Costas

A deputada provincial Paula Bouzós pechou a estancia da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) no CEIP Plurilingüe de Guillarei, en Tui, nunha xornada na que os escolares tiveron a oportunidade de coñecer á escritora Ledicia Costas, quen debullou o seu proceso creativo e respondeu ás inquedanzas do alumnado. Esta iniciativa provincial, que ten por obxectivo achegar publicacións escritas e recomendadas por mulleres e está aberta a centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia, recalará, tras pechar este venres a súa estancia en Guillarei, no Centro de Estudios Alba de Vigo, onde estará disposta entre o 8 e o 22 de xuño.

A biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) trátase dunha das novidades da segunda edición deste programa que chegará aos centros educativos da provincia que así o soliciten. A Deputación de Pontevedra, coa itinerancia da biblioteca, facilitará aos centros educativos a listaxe de títulos, ordenada por xéneros e por idade do público lector. O seu fondo, tal e como explicou a deputada provincial Paula Bouzós, está integrado por exemplares que abranguen desde títulos das autoras que participaron na primeira edición ou que foron recomendados, como por publicacións para público infantil e xuvenil, exemplares de banda deseñada e novela gráfica, poesía, obra das novas voces literarias e exemplares para público lector adulto. Ademais, o organismo provincial acompaña a chegada da biblioteca cun encontro con escritoras e o alumando do centro educativo, como aconteceu en Tui con Ledicia Costas.

Mulleres de palabra(s) enmárcase no Ateneo pola Igualdade, unha iniciativa creada en 2024 polo goberno de Luis López como recurso público especializado a disposición da cidadanía. O seu principal obxectivo é converterse nun referente na promoción da igualdade e na loita contras as violencias machistas a través da investigación, da formación e da divulgación artística, cultural e científica con perspectiva de xénero. Ademais desta biblioteca itinerante, no marco de Mulleres de palabra(s), este mes de xuño terá lugar da man de Andrea Fernández Plata, un obradoiro de cerámica na Lama (espazo Fundación Ofirvida). O programa seguirá en setembro no Palacete das Mendoza de Pontevedra coa poeta Antía Otero e a cantante Guadi Galego, co recital con música en directo “Escribir e cantar: a música das palabras”, e clausurarase o 17 de outubro para celebrar o Día das Escritoras cunha sesión de lectura coa escritora María Sánchez.