A Deputación participa no acto de inicio das obras da Comunidade Enerxética Romarigo de Cangas de Morrazo, impulsada co apoio da Oficina de Transformación Comunitaria
O deputado Javier Tourís participou no acto de posta en marcha dun proxecto que dará servizo a 37 familias e negocios locais a través dunha instalación fotovoltaica de 100 kW
18/06/2026
A Deputación de Pontevedra acompañou este martes o inicio das obras da Comunidade Enerxética Romarigo, en Cangas de Morrazo, un proxecto pioneiro no municipio impulsado co apoio da Oficina de Transformación Comunitaria, o servizo provincial de asesoramento para a creación e consolidación de comunidades enerxéticas. O deputado provincial Javier Tourís participou no acto de arranque dos traballos, que permitirán instalar no pavillón municipal de Romarigo unha infraestrutura fotovoltaica cunha potencia nominal de 100 quilovatios e unha potencia pico de 130 quilovatios. A instalación dará servizo directo aos 37 socios e socias actuais da comunidade enerxética, entre familias e pequenos negocios locais, cun consumo anual conxunto superior aos 193.000 quilovatios hora.
Durante a súa intervención, Tourís destacou que este acto “representa a culminación dun proceso colectivo de participación, colaboración e compromiso coa sustentabilidade”. Neste eido, o deputado provincial subliñou que detrás desta iniciativa “hai moito máis que unha infraestrutura enerxética: hai veciños e veciñas que decidiron organizarse para producir e compartir enerxía limpa, negocios locais que apostan por un modelo máis eficiente e unha comunidade que entende que a transición enerxética tamén se constrúe desde o ámbito local”.
A Comunidade Enerxética Romarigo naceu a finais de 2025 co acompañamento da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación e converteuse nun dos proxectos de referencia no Morrazo en materia de autoconsumo compartido e participación cidadá na transición enerxética. A entidade recibiu asesoramento para a súa constitución, a elaboración dos estatutos, os estudos de consumo, os aspectos xurídicos e as accións de captación de socios e socias. “Desde a Deputación estamos especialmente orgullosos de ter podido acompañar neste proceso porque precisamente para iso naceu a nosa Oficina de Transformación Comunitaria: para axudar aos concellos, ás asociacións e á cidadanía a converter as ideas en proxectos viables”, sinalou Tourís.
O deputado destacou tamén o valor exemplar desta iniciativa, ao demostrar que “a descarbonización da economía e a loita contra o cambio climático non son conceptos abstractos, senón realidades que se materializan cando a cidadanía dá un paso adiante”. Neste sentido, incidiu en que a transición enerxética “non pode depender só das grandes administracións ou das grandes empresas, senón que debe contar tamén co protagonismo da cidadanía, das comunidades locais e dos concellos”.
