A Deputación leva esta semana o mellor cinema galego a Mondariz a través do Ciclo Mestre Mateo

A Casa Cultural de Meirol acollerá este venres unha proxección do documental “Ao son da nova regueifa”

14/10/2026

A Deputación leva esta semana o mellor cinema galego a Mondariz a través do Ciclo Mestre Mateo

Mondariz acolle esta semana unha nova cita co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Este venres 16 de outubro, ás 20:00 horas, os veciños e veciñas do concello poderán desfrutar de “Ao son da nova regueifa” na Casa Cultural de Meirol.

Este documental pensado para todos os públicos, propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral en Galicia. Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, dá a coñecer regueifeiros que levan á fronte o talento, a creatividade e a diversidade que caracteriza a regueifa hoxe en día. A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, traza un retrato poliédrico da regueifa contemporánea.

A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano no Campo Lameiro, A Estrada e Oia. No marco deste ciclo cada concello pode acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).

No Campo Lameiro as proxeccións terán lugar no Centro Cultural Sobrino Buhigas, na Estrada nos Cines da Estrada e en Oia no Centro Cultural de Pedornes. En Mondariz as proxeccións rotarán por diferentes localidades e espazos culturais da vila como a Casa Cultural de Frades e a de Queimadelos, o Casino de Vilasobroso, a Escola de Redo en Vilar, o Teleclube de Riofrío e a Escola de Lougares.