#LINGUA

Ao son da nova regueifa

Co fin de divulgar entre a xuventude o papel fundamental das regueifas para a lingua, a Deputación ofrécelles aos centros de ensino sostidos con fondos públicos de educación secundaria da provincia unha proxección do documental Ao son da nova regueifa, no que se aborda a revitalización contemporánea da regueifa como forma de expresión oral improvisada, poñendo en diálogo tradición e creación actual.


A regueifa é unha disputa dialéctica e improvisada en verso entre dúas ou máis persoas que está a rexurdir no ámbito educativo debido ao seu gran valor pedagóxico, xa que favorece a competencia lingüística mediante o enriquecemento do vocabulario, o dominio da rima e a mellora da fluidez oral. Ademais, impulsa o pensamento crítico, ao obrigar o alumnado a escoitar, analizar e responder con rapidez e coherencia, ao tempo que contribúe a reforzar a autoestima e a perder o medo a falar en público grazas ao seu carácter lúdico e participativo.

A proxección do documental Ao son da nova regueifa mostra como a improvisación oral galega se está a reinventar hoxe en día. A través dunha viaxe por diversas comarcas, con especial atención ao sur de Pontevedra, amosa o rexurdimento desta arte que une as raíces tradicionais coas novas linguaxes urbanas e escolares.