A Deputación pecha o ciclo Ao Son do Piano no Museo de Pontevedra con Paula Ríos e unha homenaxe á música da xeración do 27
O concerto será o mércores 18 de marzo ás 19:00 h no Edificio Castelao. O acceso é libre ata completa a capacidade
15/03/2026
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo mércores 18 de marzo no Museo de Pontevedra a terceira edición de Ao Son do Piano, un ciclo de concertos de música clásica arredor do piano de cola do Museo. Será co recital de Paula Ríos ás 19:00 h no Edificio Castelao, no que renderá homenaxe á música da xeración do 27. O acceso é libre ata completar a capacidade.
Descrita como unha intérprete de forte personalidade, refinada técnica e orixinalidade nas súas propostas, Paula Ríos desenvolve unha intensa actividade como solista en España, no Reino Unido, en Francia, Italia, Hungría, Suíza, Alemaña, Portugal e Arxentina, e realiza gravacións para RNE, TVE, Radio Suisse Romande, TVG, IB3 e RG.
Actualmente, o seu eido de estudo é a obra de Frédéric Chopin e o comezo do Romanticismo. Amais, Paula Ríos investiga intensamente o repertorio do nacionalismo e as vangardas en España. O seu CD ‘Viento de plata’ recupera a obra de Jesús Bal y Gay e Rosa García Ascot, compositores da xeración do 27. Agora está preparando outro disco sobre este período.
No seu concerto en Pontevedra interpretará obras de Rosa García Ascot, Ernesto Halffter, Juan José Mantecón, Gustavo Pittaluga, Rodolfo Halffter, Manuel Blancafort e Manuel de Falla. Con Paula Ríos péchase Ao Son do Piano, un ciclo que vai xa pola súa terceira edición. Os outros dous recitais deste ano celebráronse en febreiro, a cargo de Javier Otero Neira e Elsa Muñiz.