A Deputación pecha a primeira Bienal de Artes Vivas de Pontevedra con máis de 2.500 asistentes
A Deputación pecha a primeira Bienal de Artes Vivas de Pontevedra con máis de 2.500 asistentes
13/07/2026
A primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, organizada pola Deputación, pechou este domingo cun balance moi positivo tras reunir máis de 2.500 asistentes ao longo dos once días de programación desenvolvida no Convento de Santa Clara. Baixo o título “Nas marxes” e co comisariado de Iñaki Martínez Antelo, a Bienal converteu este espazo patrimonial nun lugar de encontro entre a creación contemporánea e a cidadanía, cun programa que esgotou as entradas e confirmou o interese do público por este novo formato cultural na capital pontevedresa.
“Esta primeira edición demostra que a Bienal de Artes Vivas naceu con vocación de continuidade”, subliñou o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez quen remarcou que “o éxito de público confirma que existía interese por unha proposta deste nivel e anímanos a seguir consolidando un proxecto cultural que alternará coa Bienal de Arte e que fará de Pontevedra un referente da creación contemporánea”. O vicepresidente destacou ademais que “Santa Clara volveu demostrar que é o gran espazo cultural do futuro da provincia. Durante estes once días o patrimonio encheuse de creación, de artistas e de cidadanía, anticipando todo o potencial que terá este lugar cando o proxecto estea plenamente desenvolvido”.
A Bienal de Artes Vivas de Pontevedra é unha nova proposta cultural deseñada pola Deputación que alternará, nos anos pares, coa Bienal de Arte. Nesta primeira edición, a programación propuxo unha reflexión arredor das prácticas artísticas que habitan os límites entre disciplinas, bordos onde as categorías se dilúen e onde teñen cabida obras difíciles de acomodar nos circuítos habituais, porque non teñen un encaixe claro nin nun teatro nin nun museo.
A Bienal favoreceu o encontro entre creadoras, creadores e público nun contexto no que a experiencia compartida se converteu nun dos seus principais eixes. Santa Clara acolleu 22 espectáculos de performance, danza, teatro, música, poesía e circo contemporáneo, dos cales 4 foron estreas absolutas e 14 puideron verse por primeira vez en Galicia. Entre as propostas presentadas destacaron a performance participativa World of Interiors, de Ana Borralho e João Galante; a peza do recoñecido coreógrafo francés Jérôme Bel, interpretada por María Roja; a danza de Ángela Millano con Escarlet e de Manuel Rodríguez con Alien; o concerto performativo Àlbum Victòria, de Laia Estruch xunto á banda pontevedresa Zunzún; ou o peche da Bienal co Premio León de Ouro da Bienal de Venecia Alessandro Sciarroni e a súa peza Don't Be Frightened of Turning the Page. A programación tamén puxo en valor a creación galega con propostas de Clo Plas, Diego Vites e Javi Álvarez, Alejandra Pombo Su, Celso Fernández Sanmartín, Fran Martínez, VACAburra ou Pistacatro, entre outras, apostando tanto por obras consolidadas como por procesos de creación en desenvolvemento e articulándose con iniciativas coma Residencias Paraíso, o festival Citemor de Montemor-o-Velho ou TNT-Terrassa Noves Tendències.
Ao longo destes días, Santa Clara transformouse nun espazo aberto á escoita, ao pensamento e á participación activa, reforzando o compromiso da Deputación de Pontevedra coa creación contemporánea e co acceso da cidadanía á cultura. O antigo convento consolidouse como un lugar para a experimentación artística, convertendo a igrexa, o coro, os xardíns en escenarios onde o patrimonio histórico dialogou co corpo, o movemento, a palabra, a música e a performance.
Con este balance, a Deputación de Pontevedra pecha con éxito a primeira edición da Bienal de Artes Vivas, unha cita que se incorpora ao calendario cultural galego como un novo espazo de referencia para as artes contemporáneas e que reforza a aposta da institución por situar Pontevedra como un territorio de creación, experimentación e innovación cultural.
