Luisa Sánchez compromete a colaboración económica da Deputación de Pontevedra para a posta en marcha da feira StoneGal, que acollerá o IFEVI entre o 3 e o 5 de xuño

A vicepresidenta provincial destacou que a institución achegará 10.000 euros para o copatrocinio do Premio Antonio Palacios, que se entregará durante a feira, e a posta en marcha dunha instalación artística con granito do Porriño

14/03/2025

Colaboración da Deputación coa feira StoneGal

A vicepresidenta e responsable das áreas de Deportes, Economía e Impulso ao Emprego da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, mantivo unha xuntanza de traballo co secretario xeral do Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo, e co director da feira StoneGal, Alejandro Miras, na sede da institución provincial en Vigo. No encontro, Sánchez comprometeu a colaboración da Deputación coa posta en marcha da feira StoneGal, que acollerá o IFEVI entre o 3 e o 5 de xuño, a través dunha achega económica de 10.000 euros.

A colaboración económica do organismo provincial, entre outras cuestións, servirá para copatrocinar o Premio Antonio Palacios, que se entregará durante o transcurso de StoneGal e que recoñecerá a traxectoria vital dedicada á pedra. Ademais, a través desta colaboración tamén se porá en marcha na feira unha instalación artística elaborada en granito do Porriño que será executada por unha destacada figura da arquitectura.

Sánchez asegurou que a vontade de colaboración da Deputación de Pontevedra co Clúster do Granito de Galicia e con StoneGal irá máis aló. "Queremos estreitar lazos coa industria do granito do Porriño, contribuír á súa posta en valor e os múltiples usos desta pedra natural, porque estamos a falar dun produto moi versátil e dun importante motor económico para a provincia de Pontevedra, que hai que apostar por el", destacou a vicepresidenta provincial. Neste eido, Sánchez asegurou que ao longo do ano se impulsarán accións en colaboración co Clúster do Granito para promover o uso da pedra natural, principalmente do granito do Porriño.