A Deputación presenta no Pazo provincial o concerto dos Coribantes de Buchabade a favor de Manos Unidas

A institución provincial colabora co evento solidario, que se celebrará o 27 de decembro ás 20:00 horas no auditorio do Centro Príncipe Felipe

21/12/2025

Concerto dos Coribantes de Buchabade a favor de Manos Unidas

O Pazo provincial acolleu a presentación do concerto solidario dos Coribantes de Buchabade a favor de Manos Unidas, que se celebrará o sábado 27 de decembro ás 20:00 horas no auditorio do Centro Príncipe Felipe coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Ponte Caldelas. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou na presentación xunto ao presidente dos Coribantes de Buchabade, Ángel Rodríguez, e da presidenta delegada de Manos Unidas Pontevedra, Ilda Piñeiro, na que destacou o dinamismo e a calidade das actuacións desta formación, "unha das principais da nosa provincia".

O espectáculo dos Coribantes de Buchabade reunirá un ano máis sobre o escenario do Príncipe Felipe a máis de medio centenar de artistas entre músicos e bailaríns. O conxunto sobresae pola súa variada instrumentación e conta cun corpo de baile de trinta integrantes que combina elementos tradicionais con ritmos contemporáneos, fusionando a música galega con influencias de Europa, África y América. As entradas para o evento solidario, cun prezo de 6 euros, pódense adquirir xa en Coribantes de Buchabade, Manos Unidas, Musical Pontevedra ou tamén o mesmo día do concerto, e os seu importe será destinado integramente á causa benéfica. Tamén existe unha Fila 0 para as persoas que non poidan asistir e desexen colaborar.

A agrupación, creada en 2005 na parroquia de Buchabade, en Ponte Caldelas, estase a converter nun referente na comarca de Pontevedra polo seu traballo innovador de mestizaxe musical. Ademais, Os Coribantes de Buchabade teñen logrado un notable recoñecemento non só en Galicia, senón tamén no resto de España e Portugal a través dos seus intercambios culturais.