A Deputación constitúe a primeira Mesa Provincial de Emprego Xuvenil co obxectivo de favorecer a inserción da mocidade da provincia no mercado laboral

Presidida polo deputado de Xuventude, Jorge Cubela, o órgano establecerá un marco de actuación común entre os distintos servizos provinciais tomando como base a información do Plan Estratéxico de Xuventude

17/04/2026

A Deputación constitúe a primeira Mesa Provincial de Emprego Xuvenil co obxectivo de favorecer a inserción da mocidade da provincia no mercado laboral

A Deputación de Pontevedra constituíu esta semana a súa primeira Mesa Provincial de Emprego Xuvenil, un órgano presidido polo deputado provincial de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, que busca implicar todos os servizos provinciais con competencias neste eido. A Mesa toma como punto de partida a información obtida no Plan Estratéxico de Xuventude da Deputación, e permitirá establecer un marco común de actuación en materia de emprego xuvenil para a institución, ao funcionar como un mecanismo de coordinación permanente.

A Mesa Provincial de Emprego Xuvenil está formada polos servizos de Xuventude e Reto Demográfico, Recursos Humanos e Formación, Cooperación cos Concellos, Novas Tecnoloxías e Proxectos Europeos. Os seus obxectivos principais pasan, en primeiro lugar, por que todos os departamentos recoñezan a preocupación prioritaria da mocidade polo emprego e as súas condicións laborais: a maioría dos 1.765 dos mozos e mozas enquistadas para a elaboración do Plan Estratéxico de Xuventude sinalárono, xunto coa saúde mental e a vivenda, como a súa principal preocupación, sendo a primeira opción no caso dos homes. A falta de estabilidade, o medo a perder o emprego e a diferenza entre a capacidade de gasto e o custo da vida son, especificamente, os asuntos que máis lles inquietan.

A Mesa tamén identificará as duplicidades e as áreas non cubertas, facendo un mapa dos programas existentes que impactan na xuventude e os baleiros que se poidan cubrir. Por último, a Mesa analizou a posibilidade de ofrecer á mocidade da provincia ferramentas que fomenten a orientación laboral para a vida real, a formación básica en sectores demandados, o relevo xeracional e o emprego no medio rural, entre outros asuntos.