A Deputación reúne preto de 300 persoas na xornada do programa +Convivir celebrada en Agolada para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila

O deputado provincial Ricardo Martínez participou nas actividades que tiveron lugar no CEIP Plurilingüe de Agolada

03/10/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Agolada no marco do programa +Convivir deste 2026. O deputado provincial Ricardo Martínez participou nas actividades que tiveron lugar no CEIP Plurilingüe da localidade e nas que se deron cita preto de 300 persoas.

Ricardo Martínez lembrou que esta xornada forma parte da terceira edición do programa, que está a percorrer a xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Agolada”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.

Durante esta xornada lúdica no CEIP Plurlingüe de Agolada, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre alzhéimer a cargo de AFAPO, outro de primeiros auxilios con Manuel Viso e unha actividade de ximnasia de mantemento. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música a cargo dun DJ e cun refrixerio para as persoas asistentes.

A terceira edición de +Convivir arrancou este mes de setembro en Cangas de Morrazo e tralo seu paso por Poio, As Neves, Marín e Agolada continuará neste 2026 en Cuntis, Rodeiro, Ponteareas, A Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga. Nas dúas anteriores edicións desta iniciativa da Deputación para poñer en valor o compromiso do goberno provincial co tecido asociativo e veciñal e para enxalzar o papel que este desenvolve no avance da provincia participaron un total de máis de 10.000 persoas.