A Deputación continúa este sábado 3 de outubro en Agolada coa nova edición do programa +Convivir, que chegará a máis de 30 concellos entre 2026 e 2027

A xornada terá lugar no CEIP Plurilingüe de Agolada a partir das 16:30 horas e incluirá actividades formativas e lúdicas para toda a veciñanza

29/09/2026

A Deputación de Pontevedra levará ata Agolada a que será a cuarta xornada de convivencia do programa +Convivir do período 2026/2027, tralo seu paso por Cangas de Morrazo, Poio, As Neves e Marín. A cita terá lugar este sábado 3 de outubro, a partir das 16:30 horas, no CEIP Plurilingüe de Agolada, ata onde se desprazarán centos de persoas procedentes do movemento asociativo e veciñal da vila.

+Convivir trátase dunha iniciativa provincial para tecer lazos e crear espazos de encontro, así como avanzar no fortalecemento das relacións entre a Deputación de Pontevedra e o movemento asociativo e veciñal da provincia. Deste xeito, en Marín terá lugar un obradoiro sobre o alzheimer a cargo de AFAPO, outro de primeiros auxilios con Manuel Viso, unha actividade de ximnasia de mantemento de man de Toni Garrido e rematará cunha merenda dinamizada cun DJ.

Entre este ano e o próximo +Convivir chegará a arredor dunha trintena de concellos despois de concentrar a máis de 10.000 persoas nas dúas anteriores edicións. Ademais de Agolada, Marín, As Neves, Cangas de Morrazo e Poio, está previsto que este ano o programa chegue a Ponteareas, A Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga.