A Deputación pechará ao tráfico desde o luns un tramo da EP-1002 A Madalena-Aldán para avanzar nas obras de mellora da mobilidade peonil

O corte afectará aos primeiros 350 tramos da estrada durante aproximadamente un mes para executar canalizacións e o pavimentado dunha zona de convivencia incluída nun proxecto cun orzamento de 1,2 millóns de euros

 

26/06/2026

A Deputación de Pontevedra informa de que a estrada provincial EP-1002 A Madalena-Aldán, no Concello de Cangas, permanecerá cortada ao tráfico a partir do vindeiro luns, 29 de xuño, con motivo da execución das obras de mellora da mobilidade peonil que se están a desenvolver nesta vía provincial. Os traballos previstos consistirán na execución das canalizacións e no pavimentado dunha zona de convivencia incluída no proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-1002 A Madalena-Aldán. En concreto, a actuación afectará aos primeiros 350 metros da estrada e, ao ser necesaria a ocupación dos dous carrís para a súa execución, non se permitirá o paso de vehículos no tramo afectado.

A duración estimada deste corte é dun mes. Durante este período habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados para facilitar a circulación e minimizar as molestias ás persoas usuarias da vía. Desde a Deputación de Pontevedra solicítase aos condutores e condutoras a máxima precaución e o respecto á sinalización provisional instalada na zona mentres duren os traballos.

Estas actuacións forman parte do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-1002 A Madalena-Aldán, unha actuación que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e financiada ao 80% pola Deputación de Pontevedra e ao 20% polo Concello de Cangas. O proxecto contempla a construción dunha senda peonil, a creación de zonas de convivencia entre peóns e tráfico rodado e a mellora dos servizos afectados pola execución das obras ao longo dun tramo de 1.850 metros da estrada provincial.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.