A Deputación reforza o ORAL coa cesión por parte da Xunta dun local no edificio Palmeras, no centro de Pontevedra

O acordo entre administracións establece unha cesión gratuíta, por un período inicial de 18 meses prorrogables, e permite á Deputación dispoñer dun espazo de máis de 300 metros cadrados

10/02/2026

A Deputación de Pontevedra reforzará o funcionamento do Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (ORAL) coa incorporación dun novo local no edificio Palmeras, no parque homónimo, en Pontevedra, grazas á cesión temporal gratuíta realizada pola Xunta de Galicia.

O local, cunha superficie aproximada de 305 metros cadrados e no que antigamente se asentaba o Instituto Galego de Consumo e da Competencia, será empregado pola Deputación para mellorar a organización e a capacidade operativa do ORAL, e acollerá ao persoal do mesmo mentres se executan obras na súa sede central. A cesión realízase de maneira gratuíta, por un período inicial de 18 meses prorrogables, e enmárcase na colaboración institucional entre administracións para o aproveitamento eficiente dos recursos públicos.

Este novo espazo permitirá reforzar un servizo esencial de carácter provincial, facilitando unhas instalacións máis axeitadas para o desenvolvemento da súa actividade diaria e para a atención ás persoas usuarias. O acordo recolle as condicións de uso do local durante o período establecido, así como as obrigas de conservación e mantemento, garantindo que o inmoble se destine exclusivamente ás funcións propias do ORAL.