A Deputación recibe ofertas de oito empresas para optar á obra de reposición do firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada- Forcarei, cun orzamento de máis dun millón de euros

Actuarase nun tramo de preto de 12 quilómetros, onde se reporá o firme e realizará un tratamento para conseguir unha mellora da adherencia, da rodaxe e da uniformidade

14/02/2026

A Deputación de Pontevedra recibe ofertas de oito empresas para optar á obra de reposición do firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada-Forcarei, cun orzamento de máis dun millón de euros. A partir de agora ábrese un proceso que contempla a avaliación técnica das oito ofertas presentadas antes da proposta de adxudicación en mesa de contratación, da aprobación desta proposta en Xunta de Goberno e da sinatura do contrato co que se daría inicio á actuación.

En liñas xerais, a reposición do firme terá lugar nun tramo desta estrada provincial que discorre polo Concello da Estrada, entre os puntos quilométricos 0+300 e o 12+200. Neste treito reporase o firme en ata 8.500 metros lineais da calzada onde se actuará ben en só nun dos carrís, tanto en dirección á Estrada como a Forcarei, ou en ambos, en función do seu estado.  

Ademais, noutras zonas deste tramo de 12 quilómetros obxecto da actuación, realizarase un tratamento superficial para conseguir unha mellora da adherencia, da comodidade da rodaxe e da uniformidade do firme. Finalmente, a actuación completarase coa reposición da sinalización horizontal da EP-7001 A Estrada-Forcarei.