A Deputación remarca a traxectoria científica e o compromiso de Marisol Soengas no fomento das vocacións científicas entre as mozas nun faladoiro de Aquí Faltan Páxinas celebrado en Lalín
“Grazas ás súas investigacións identificáronse novos mecanismos moleculares que explican a resistencia do melanoma a terapias convencionais”, subliñou a deputada de Igualdade Paula Bouzós sobre Marisol Soengas
15/01/2026
A traxectoria científica de Marisol Soengas que a posiciona como unha das investigadoras máis importantes do mundo acaba de protagonizar no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero de Lalín un dos faladoiros do programa provincial Aquí faltan páxinas, a iniciativa coa que o organismo está a rescatar as historias de mulleres da provincia que non adoitan ser contadas. No acto, no que participou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e a tenenta de alcalde, María Paz Pérez, tomou a palabra a propia Marisol Soengas para dar a coñecer aspectos da súa vida e percorrido profesional.
Bouzós agradeceu a Soengas, natural de Agolada, a súa participación no faladoiro porque “non é doado cadrar axendas cando estamos a falar dunha das científicas galegas máis recoñecidas no ámbito internacional no campo da oncoloxía”. Ao respecto, a deputada destacou que “grazas ás súas investigacións identificáronse novos mecanismos moleculares que explican a resistencia do melanoma a terapias convencionais” e recordou o seu paso por centros de investigación e universidades dos Estados Unidos, así como en España como directora do Grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.
Tamén puxo en valor Paula Bouzós o “compromiso” de Marisol Soengas na defensa da visibilidade das mulleres na ciencia, participando en “diferentes iniciativas para fomentar as vocacións científicas entre as máis novas”. Ao respecto, a deputada amosou o seu desexo de que “esa implicación se traduza en máis Marisol Soengas no mundo”.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Xa se organizou un faladoiro sobre as alfombristas, outro sobre Juaniña do Porriño, sobre as nais contra a droga, sobre Dona Concha, sobre as cantareiras de Gargamala e, tralo organizado en Lalín protagonizado por Marisol Soengas, chegarán outras sesións centradas nas mulleres do mundo do viño, na soprano de zarzuela Matilde Vázquez, na fotógrafa e xornalista Corona González, na arquitecta Rita Fernández Queimadelos, na cineasta Cruz Risco e nas primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.
