Luisa Sánchez anuncia a incorporación de Taburete, Juan Magán, Álvaro de Luna e Marlena ao cartel do Galicia Fest

O Peirao de Transatlánticos acollerá estas catro actuacións o sábado 27 de xuño; as entradas sairán á venda ás 12.00 horas deste mesmo xoves

12/02/2026

Luisa Sánchez anuncia novidades ao cartel da segunda edición do Galicia Fest

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este xoves a incorporación de catro novidades ao cartel da segunda edición do Galicia Fest, que se celebrará no porto de Vigo os días 26 e 27 de xuño e que conta co patrocinio da institución provincial e da Xunta de Galicia. Trátase de Taburete, Juan Magán, Álvaro de Luna e Marlena. Nomes que se engaden a La Reina del Flow, o fenómeno musical e televisivo latinoamericano que arrasa en Netflix.

En compaña da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, Luisa Sánchez avanzou que estas catro actuacións terán lugar o sábado 27 de xuño. Igualmente, informou de que a venda de entradas para ese día comezará ás 12.00 horas deste mesmo xoves, 12 de febreiro, a un prezo inicial de 25 euros.

“O Galicia Fest 2026 promete ofrecer espectáculo e variedade, con música para todos os gustos e un cartel diferenciador, que busca sorprender e que non se poderá atopar en ningún outro festival”, aseverou a vicepresidenta provincial tras dar a coñecer as incorporacións de Taburete, Juan Magán, Álvaro de Luna e Marlena ao cartel. Do mesmo xeito, salientou que se trata de grupos e músicos que “conectan á perfección co público grazas á enerxía dos seus directos e ás súas cancións coreables”. Así, augurou dúas xornadas de “diversión e bo ambiente” no porto de Vigo.

Igualmente, adiantou que a organización está a piques de pechar o cartel ao cen por cen, polo que pronto se poderá desvelar o elenco completo de artistas que pasarán polo Galicia Fest 2026. Neste sentido, asegurou que “haberá acento galego e representación local”.

Luisa Sánchez tamén revelou que a comercialización de localidades avanza “a bo ritmo” tras anunciarse a actuación de La Reina del Flow. Neste sentido, destacou que nos últimos días se vendeu un importante número de abonos malia coñecerse un único nome de todo o cartel. “Isto  significa que a xente ten fe no Galicia Fest, que cre a cegas no festival e iso é motivo de orgullo”, sostivo.

Leiva como concerto do Xacobeo
Pola súa banda, Ana Ortiz  lembrou que o Galicia Fest terá continuidade a primeira semana de xullo, os días 3 e 4, coas actuacións de Leiva programadas no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia no mesmo escenario. “Estamos moi satisfeitos pola chegada a nosa cidade do cantante madrileño, un dos grandes artistas do momento”, sinalou.
Ademais, a representante autonómica apuntou que “o Goberno galego ten un absoluto compromiso coa oferta musical e cultural da nosa cidade e este festival é outra proba que se suma a eventos como o Festival Underfest, MusicaV, One Dance Festival ou  Vigo Porté e en breve daremos outra sorpresa”.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.