A Deputación reúne a máis de 200 persoas nunha xuntanza en Cerdedo-Cotobade para presentar as liñas de axudas de Acción Comunitaria do 2026

O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, deron a coñecer +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, que se poden solicitar ata o 1 de abril e que nestes dous anos beneficiaron a preto de 40 entidades da vila

17/01/2026

A Deputación de Pontevedra reúne a máis de 200 persoas nunha xuntanza en Cerdedo-Cotobade para presentar as liñas de axudas provinciais de Acción Comunitaria para este 2026. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, deron a coñecer os recursos e novidades de +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria neste 2026, unhas axudas que se poden solicitar ata o 1 de abril e que nestes dous anos beneficiaron a preto de 40 entidades da vila.

Tal e como detallaron os dirixentes, este ano as tres liñas de axudas provinciais dirixidas ao tecido asociativo e movemento veciñal da provincia suman un investimento inicial de 3,2 millóns de euros, o que supón un 20% máis que no 2025. Ao longo destes dous anos de mandato, as axudas de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra beneficiaron a arredor de mil colectivos da provincia entre os que se distribuíron 11,5 millóns de euros.

As liñas de axudas dirixidas ás comunidades de augas, +Aqua e +Novaqua, están dotadas este ano de máis de 1,8 millóns de euros para seguir avanzando na mellora da calidade da auga e das súas instalacións, así como na regularización das traídas. Os 360.000 € de +Novaqua irán dirixidos a regularizar as traídas de augas veciñais, con axudas que ascenden ata os 6.000 euros e permitirán aos colectivos sufragar os custos da redacción do proxecto de legalización e renovación, das analíticas ou dos traballos de topografía, así como os gastos de xestión e tramitación, entre outras cuestións.

Con preto de 1,5 millóns de euros, no marco de +Aqua destinaranse ata 10.000 € por entidade para instalar ou mellorar as infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias (contadores, canalizacións, redes de distribución, tomas…), así como iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora na xestión da auga. Tamén poderán dedicar os recursos da Deputación a financiar sistemas de tratamentos ou da calidade da auga subministrada, ademais de a obras de mellora na captación ou actuacións de impermeabilización, entre outras actuacións.

No que respecta a Provincia Comunitaria, a liña de axudas dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia, o orzamento ascende a preto de 1,5 millóns, tamén con máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria. Neste caso, os colectivos poderán solicitar o financiamento de obras, da adquisición de equipamentos ou dos gastos derivados da xestión e tramitación da subvención e do pago de taxas, así como para traballos de roza e de limpeza de terreos.

Recursos de Acción Comunitaria en Cerdedo-Cotobade
Ata o de agora foron preto de 40 as entidades de Cerdedo-Cotobade que se beneficiaron de preto de 400.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra. Ao detalle, 25 comunidades de augas contaron con 275.400 € para realizar melloras nos sistemas de control e calidade da auga, para optimizar as captacións, acondicionar os depósitos, potabilizar, instalar novas tubaxes e renovar infraestruturas; 4 comunidades de augas recibiron 22.500 € para regularizar as traídas e 9 asociacións preto de 97.000 € para adquirir mobiliario, realizar actuacións de eficiencia enerxética e obras de mellora dos seus locais sociais.

Galerias de imagenes