A Deputación estrea no Museo de Pontevedra un documental sobre o papel de Castelao como introdutor en Galicia do gravado ao linóleo

O filme, dirixido por Xan Leira, proxéctase o xoves 22 de xaneiro ás 19:00 h no Edificio Castelao. O acceso é libre

19/01/2026

Xan Leira e Angeles Tilve no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acolle este xoves 22 de xaneiro ás 19:00 no Edificio Castelao a presentación pública do documental ‘Castelao, a revolución gráfica en Galicia. O linoleogravado’, dirixido por Xan Leira. O filme conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Será presentado polo seu director, xunto con Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, e Carlos L. Bernárdez, ensaísta e crítico de arte. O acceso é libre.

A nova produción de Xan Leira é un documental de 33 minutos de duración. Achégase ao proceso histórico polo que o linóleo se converteu nun dos motores fundamentais da renovación estética e editorial en Galicia na década de 1920. O filme reconstrúe cronoloxicamente este fenómeno a través das voces de especialistas de referencia: Daniel Buján Núñez (bibliotecario e gravador), Ángeles Tilve Jar (directora do Museo de Pontevedra), Carlos L. Bernárdez (ensaísta e crítico de arte), Xoán Pastor Rodríguez (director do Museo do Gravado de Artes, Ribeira), Miguel Anxo Seixas Seoane (presidente da Fundación Castelao) e Ricardo Gurriarán (historiador).

O documental arranca na estancia de Castelao en Europa (Francia, Bélxica e Alemaña) en 1921,  grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios destinada ao estudo de técnicas de gravado. Foi en Múnic onde descubriu as potencialidades do linóleo, unha técnica rápida, económica e ideal para ilustracións en publicacións de baixo custo, especialmente axeitada ao contexto galego da época.

Ao regresar a Pontevedra, Castelao compartiu os seus coñecementos co seu alumnado do Instituto e, posteriormente, cos novos artistas e intelectuais da cidade. Entre os primeiros en adoptar o linóleo estiveron Carlos Sobrino, colaborador próximo de Castelao, así como Luis Pintos Fonseca, Manuel Méndez, Xosé Sesto e Ventura de Dios “Turas”. Desde ese momento, esta técnica comezou a gañar presenza en diversas publicacións da época.

O fenómeno estendeuse axiña máis aló de Pontevedra, incorporando nomes centrais da arte galega moderna como Manuel Torres, Cándido Fernández Mazas, Xaime Prada, Luis Huici e Francisco Miguel. O documental destaca como o linóleo favoreceu unha estética máis sintética e próxima ás linguaxes vangardistas, afastándose da figuración tradicional. Analiza tamén o destacado papel de revistas literarias e artísticas como ‘Alborada’ (1922), ‘Cristal’ (1932) ou ‘Spes’ (1934-1962) na difusión do linóleo.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.