A Deputación acolle unha nova reunión dos socios do proxecto BEAP-MAR e o Pill-4 dedicado aos avances en bioeconomía azul

O encontro reuniu institucións públicas, empresas, investigadores e axentes do ecosistema azul do Espazo Atlántico no marco dun proxecto financiado por Interreg na busca de novos produtos e aplicacións baseados en organismos mariños

14/01/2026

PILL-4 presentación

O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu os días 13 e 14 de xaneiro a quinta reunión de socios do proxecto BEAP-MAR e o Pill-4 dedicado aos avances en bioeconomía azul. O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, deu a benvida ás persoas participantes no encontro, ao que asistiron institucións públicas, entidades empresariais, investigadores e outros axentes do ecosistema azul do Espazo Atlántico.

BEAP-MAR está financiado por Interreg Espazo Atlántico e está orientado ao desenvolvemento de novos produtos e aplicacións baseados en organismos mariños con impacto potencial en sectores emerxentes da bioeconomía azul. O obxectivo deste encontro foi favorecer o intercambio de coñecemento, a cooperación transnacional e o impulso de solucións innovadoras baseadas en recursos mariños. Liderando esta reunión, o goberno da Deputación reforza o seu compromiso coa innovación, a cooperación territorial e o desenvolvemento sostible no ámbito atlántico.

O encontro constou de dúas xornadas para impulsar a transferencia, a innovación e a cooperación atlántica. A primeira estivo dedicada ás sesións internas do consorcio no marco do Governance Board (GoBo) e o Technical Board (TeBo), e nela os socios presentaron avances técnicos e científicos, revisaron fitos previstos e planificaron as actividades do último ano do proxecto. A segunda xornada estivo aberta ao público especializado mediante o Pill-4, centrado nos avances en bioeconomía azul cunha axenda de expertos, empresas e organismos clave do sector, reunindo expertos que abordaron a bioeconomía azul desde a perspectiva da investigación biomédica, a cooperación europea, a gobernanza, a transferencia e a valorización industrial.

Asistiron ao encontro representantes da Universidade de Santiago de Compostela, Interreg Atlantic Area, INTECMAR, CETMAR, ANFARO-CYTMA e JEALSA, que abordaron o potencial de componentes mariños en enfermidades inflamatorias, a cooperación e políticas para o desenvolvemento azul, os retos dos residuos mariños na costa, estratexias e políticas para unha bioeconomía azul sostible desde Galicia, a transferencia tecnolóxica e a conexión industria-investigación. No evento recalcouse a importancia de conectar ciencia, industria e administración, de establecer sinerxías entre proxectos europeos e aproveitar o potencial biotecnolóxico do océano para impulsar sectores emerxentes no Espazo Atlántico.

Galerias de imagenes