A Deputación destaca a súa aposta en investimentos municipalistas en Vilagarcía de Arousa con dous proxectos que obtiveron 120.000 € de recursos provinciais

O deputado provincial Javier Tourís asistiu este xoves ao acto de recepción das obras de ampliación do saneamento e abastecemento da rúa Muíños de Cea, que recibiron máis de 92.000 € a través do Plan +Provincia

19/02/2026

 Javier Tourís (deputado provincial)

O deputado provincial Javier Tourís visitou este xoves en Vilagarcía de Arousa dúas actuacións financiadas cos recursos dos plans de investimentos municipalistas da Deputación de Pontevedra. Para a execución das obras de ampliación do saneamento e abastecemento na rúa Muíños de Cea, en Carballido, o organismo provincial aprobou 92.000 € con cargo á liña de investimentos do Plan +Provincia, e para financiar a subministración dunha pista desmontable de PVC para o pavillón multiúsos de Fexdega, o concello recibiu preto de 25.000 € no marco da segunda convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

O deputado provincial deu conta dos traballos que se realizaron coa achega de 92.000 € para a ampliación do saneamento e abastecemento en Muíños de Cea, que garante o acceso equitativo a estes servizos, a redución da contaminación e a eliminación de vertidos. Debido á súa topografía, a rúa non podía conectarse á rede existente de saneamento por gravidade, polo que a solución adoptada foi a de saneamento autónomo. Para iso, as obras incluíron a creación da rede con canalización en PVC e pozos de rexistro ata conectar co sistema de depuración. Tamén se repuxeron os pavimentos afectados pola execución da obra.

Pola outra banda, no marco do PEID o concello recibiu 25.000 € para a subministración dunha pista desmontable (a quinta do recinto) de 40x20 metros de PVC para o multiúsos de Fexdega. A dotación permite cubrir a crecente demanda de espazos para adestrar e compartir por parte dos clubs de Vilagarcía de Arousa, e permitirá acoller a práctica de deportes como baloncesto, balonmán, voleibol, bádminton e fútbol sala. A nova pista permite incrementar a capacidade do pavillón e mellorar a eficiencia na programación de actividades.

Javier Tourís lembrou que Vilagarcía de Arousa recibe máis de 2,6 millóns de euros a través do Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación, con máis de 1,5 millóns correspondentes á anualidade 2026 e o adianto do máis dun millón de euros da liña 1 de investimentos de 2027. Ademais, o Concello tamén se beneficia de 312.000 € no marco do terceiro PEID, cos que fará fronte a cinco actuacións. O deputado puxo en valor estes programas, “que son o maior exemplo do noso municipalismo”, e subliñou que a través deles “dotamos os concellos de inxentes recursos para que poidan poñer en marcha os seus proxectos con total autonomía, para seguir avanzando na transformación e a modernización da provincia e na garantía dos servizos básicos”.

Galerias de imagenes