Luis López anuncia a concesión de 100.000 € nas axudas “pioneiras” da Deputación a agrupacións de Protección Civil
O presidente do organismo provincial subliñou que se tratan de axudas postas en marcha “por vez primeira na Deputación co obxectivo de recoñecer e apoiar o excelente servizo e a vontade altruísta dos que, moitas veces, son os primeiros en chegar a unha incidencia”
06/02/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de recursos por valor de 100.000 € para 22 agrupacións de protección civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O presidente provincial, Luis López, subliñou que se tratan “dunhas axudas pioneiras, que puxemos en marcha por vez primeira na Deputación co obxectivo de recoñecer e apoiar o excelente servizo e a vontade altruísta dos que, moitas veces, son os primeiros en chegar a unha incidencia”.
Benefícianse desta liña de axudas agrupacións de Protección Civil dos concellos de Agolada, Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Lalín, Meis, Mondariz, Moraña, Poio, Portas, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, con recursos que oscilan entre os máis de 2.000 e os 5.000 € por entidade.
“Unha liña de axudas para modernizar a Protección Civil da provincia e para que continúen sendo agrupacións punteiras e de referencia no noso territorio”, subliñou Luis López quen detallou que cos recursos provinciais estas entidades poderán adquirir equipamento e material para emerxencias, unidades de flotación e equipos de protección individual, maquinaria de extinción de lumes, material sanitario e de emerxencias, medios de telecomunicacións e informáticos, ferramentas ou, entre outras moitas cuestións, uniformes.
