A Deputación activa o procedemento para contratar as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2202 Baiona-Loureza, no Concello de Oia
A actuación desenvolverase integramente no núcleo de Torroña, nun treito de 180 metros, onde se investirán 165.500 euros
03/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para poñer en marcha a contratación das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2202 Baiona-Loureza ao seu paso polo concello de Oia. A actuación suporá un investimento de 165.500 euros dos que 124.400 serán achegados pola institución provincial e 33.100 polo Concello de Oia.
A actuación desenvolverase integramente no núcleo de Torroña, nun treito de 180 metros comprendido entre o punto quilométrico 17+350 e o 17+520, e teñen por obxectivo salvagardar o servizo público viario e mellorar a seguridade viaria, con especial prioridade aos colectivos con máis vulnerabilidade. Nestes momentos, este tramo conta cunha sección de seis metros de ancho medio, dous carrís de circulación e non dispón de beirarrúas nin beiravías.
A través destas obras de mellora, optimizarase a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como para o peonil, dándolle prioridade a este último coa creación dunha senda e unha cuneta transitable. Deste xeito, na marxe dereita executarase a senda peonil, contigua á calzada, de 2,5 metros de anchura media, e na marxe esquerda disporase unha cuneta revestida transitable de ancho variable ata os peches existentes.
Tamén se actuará sobre dous espazos públicos existentes co fin de mellorar a súa funcionalidade e que sexan empregados como zona de esparexemento. E realizarase fresado da calzada, dotarase ao treito de novo pavimento, retranquearanse muros e adaptaranse os pozos de rexistro e as arquetas á cota da nova rasante da estrada.