A Deputación celebra o Día da Infancia en Príncipe Felipe con actividades de teatro e cultura urbana
O vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, asistiron ás actividades e o Pazo provincial tinguirase de azul durante a noite para conmemorar e darlle visibilidade a esta efeméride
20/11/2025
A Deputación de Pontevedra celebrou este xoves no Centro Príncipe Felipe o Día da Infancia que se conmemora cada 20 de novembro desde fai 36 anos, trala ratificación da Convención sobre os Dereitos dos Nenos por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. O vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado responsable do centro, Pablo Castillo, asistiron ás actividades, que consistiron na representación da obra de teatro "Quixote", da compañía Pedras de Cartón, unha merenda para todas as crianzas e obradoiros de cultura urbana. Ademais, o Pazo provincial tinguirase durante a noite de azul para conmemorar e darlle visibilidade á efeméride, sumándose ás reivindicacións dos organismos internacionais na busca de que as nenas e nenos do mundo teñan unha vida plena.
O vicepresidente Rafa Domínguez lembrou que a Convención sobre os Dereitos dos Nenos artella os dereitos da infancia e recoñece os nenos e nenas como titulares activos dos mesmos, pero lembrou que "malia o moito que cambiou o mundo, e de que falamos de dereitos universais e innegociables, moitas das reclamacións daquela seguen hoxe malinterpretándose, ignorándose, atacándose ou mesmo negándose". Por iso, asegurou, a Deputación de Pontevedra "quere achegar o seu gran de area e facer un chamamento a favor dos máis pequenos do mundo, sobre todo os máis vulnerables, e das asociacións e organizacións que traballan polo seu benestar e para garantir que teñan un futuro mellor", traballando "desde lugares como este centro Príncipe Felipe para que os nenos poidan medrar nun mundo en paz, felices e cheos de esperanza".
O deputado Pablo Castillo destacou o carácter lúdico e de aprendizaxe das actividades organizadas pola Deputación co gallo desta efeméride. "Celebramos o Día Mundial da Infancia por todo o alto porque queremos que desfrutedes de todas estas propostas e que hoxe se converta para vós nun día inesquecible", aseguroulle á rapazada, á vez que garantiu que "seguiremos sumando esforzos para garantir os vosos dereitos".
