Luis López confirma que o Auditorio do Centro Príncipe Felipe levará o nome de José Manuel Pérez Matos – Portu, traballador da Deputación recentemente falecido
“Portu era máis ca un traballador. Portu medrou na Deputación e simbolizou o servizo aos demais que está no ADN desta casa”, subliñou o presidente
28/11/2025
A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno nomear ao Auditorio do Centro Príncipe Felipe como Auditorio José Manuel Pérez Matos - Portu, traballador do organismo provincial recentemente falecido. O presidente Luis López remarcou que “Portu era máis ca un traballador. Portu medrou na Deputación e simbolizou o servizo aos demais que está no ADN desta casa”.
“Esta provincia, esta casa, non é o que é sen a xente e falar de Portu é falar dunha persoa que deixou unha fonda pegada na Deputación de Pontevedra”, asegurou López. Ao respecto, o presidente recordou o vínculo de Portu co organismo provincial, desde a súa chegada á Escola Fogar en 1971 ata o seu desembarco en Príncipe Felipe, en 1978, e a súa época como traballador. Con esta denominación do auditorio de Príncipe Felipe, tal e como asegurou López, “quedará o nome de Portu ligado ao lugar no que medrou, no que forxou fondas amizades, pero tamén onde recibiu apoio, formación e que o serviu de guía tanto na súa vida persoal como na laboral”.
O próximo martes, 2 de decembro, ás 18:00 horas, a Deputación de Pontevedra renderá unha homenaxe a Portu no Auditorio que, en palabras do presidente, “levará o seu nome para sempre, como para sempre será lembrado entre nós”.
