A Deputación iluminará de verde o Pazo provincial a noite do mércores co gallo do Día Nacional da Artrite
A institución provincial súmase ás accións de visibilización promovidas na provincia desde a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO)
29/09/2025
A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o Pazo provincial durante a noite do mércores 1 de outubro, desde as 20:30 horas ata as 7:30 horas do xoves 2, co gallo do Día Nacional da Artrite. Deste xeito, a institución únese ás iniciativas promovidas pola Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO) como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza e mais cos seus achegados.
O Día Nacional da Artrite conmemórase cada 1 de outubro, e a iluminación de espazos públicos para dar visibilidade a esta doenza é unha das actividades que se organizan anualmente no marco da Coordinadora Nacional de Artrite na campaña "Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite". O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra foi o ano pasado un dos máis de 160 edificios e monumentos que se iluminaron co gallo desta efeméride.
A Deputación súmase a esta acción co obxectivo de concienciar e dar visibilidade a esta enfermidade, que afecta tanto a persoas maiores como a poboación máis nova con síntomas como dor crónica, fatiga extrema, inflamación articular ou mobilidade reducida. Enfermidades reumáticas como a artrite idiopática xuvenil, a artrite psoriásica, a artrite reumatoide e a espondiloartrite afectan a más dun millón de persoas en España.