A Deputación repartirá 37 M€ do II Plan Extra para financiar obras estratéxicas de 57 concellos, mellorar o financiamento local e modernizar a provincia

Estes recursos provinciais completarán actuacións nos concellos que mobilizarán ata 54 millóns de euros para impulsar actuacións transformadoras, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio

16/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para distribuír os recursos do II Plan Extra, con preto de 37 millóns de euros para que 57 concellos se sumen á modernización da provincia. Estes recursos provinciais completarán actuacións nos concellos que mobilizarán ata 54 millóns de euros para impulsar obras transformadoras, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio. As contías do II Plan Extra serán aprobadas no Pleno ordinario do organismo provincial deste mes de marzo, que terá lugar o venres 27, grazas á estabilidade política da provincia.

Os concellos recibirán axudas do II Plan Extra que oscilan entre os 220.000 euros de contía mínima e os 1,1 millóns de euros de máxima. Con estes recursos, completarán o financiamento de proxectos estratéxicos que abranguen desde a recuperación de espazos naturais e a posta en valor paisaxística de espazos públicos, ata humanizacións, urbanizacións e obras de rexeneración urbana ou mobilidade rural; construcións e melloras de áreas recreativas, espazos deportivos e sendas peonís; actuacións de eficiencia enerxética e accesibilidade; construción de edificios multifuncionais; ou, entre outras, obras de rehabilitación e acondicionamento de infraestruturas públicas.

Trátanse, en liñas xerais, de proxectos estratéxicos locais que supoñen melloras relevantes en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos; con transcendencia en sectores de ámbito local, supramunicipal ou comarcal que incentivan o desenvolvemento do territorio; que atraen e fixan poboación; teñen un compoñente vertebrador e fomentan a igualdade de oportunidade entre o rural e urbano.

Todos os concellos beneficiados, agás Vilagarcía de Arousa e Cambados

Todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que solicitaron as axudas, agás Vilagarcía de Arousa e Cambados, beneficiaranse dos recursos provinciais, por incumprimentos das bases. No caso de Vilagarcía de Arousa, que solicitara financiamento para humanizar a Aduana de Carril, e segundo o informe técnico elaborado polo servizo de Cooperación, o Concello presentou un proxecto “incompleto e inexecutable” que era básico, e non de execución. Unha vez enviada a proposta, ao Concello foille requirida nova documentación sobre a definición do planeamento urbanístico afectado pola actuación, os planos de situación xeral, a xustificación do cumprimento da declaración de impacto ambiental e da normativa sectorial en materia de accesibilidade e a inclusión de anexos preceptivos, entre outros. Pero rematado o prazo de emenda, o Concello presentou un informe do arquitecto municipal non que non se recolle a maioría da documentación requirida, razón pola cal non se concedeu a subvención.

Pola súa banda, o Concello de Cambados presentou solicitude de subvención para acondicionar o entorno do Pombal para zonas de xogo ao aire libre. No seu caso, o importe mínimo do orzamento debía situarse nos 450.000 euros, pero o orzamento previsto ascendeu a 429.989,15 euros.