Luis López amosa o compromiso co fútbol modesto coa recuperación da Copa Deputación, que celebra a final dos cadros masculino e feminino este domingo en Pasarón

O mandatario provincial vén de manter un encontro co presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, ao que felicitou polo seu recente nomeamento; para estreitar relacións entre as dúas entidades e seguir construíndo “a provincia do deporte”

12/05/2025

Encontro co presidente da Federación Galega de Fútbol

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a recuperada aposta pola Copa Deputación de fútbol como mostra da colaboración do organismo provincial coa Federación Galega de Fútbol. A desputa da final dos cadros masculino e feminino do vindeiro domingo en Pasarón foi un dos asuntos tratados nun encontro institucional entre os dirixentes de ambas as entidades, que serviu tamén como primeira toma de contacto entre Luis López e Pablo Prieto, quen recibiu as felicitacións por parte do presidente provincial polo seu recente nomeamento.

A recuperación da Copa Deputación para equipos masculinos e femininos da provincia foi unha das primeiras decisións en materia deportiva que tomou o goberno provincial despois da súa toma de posesión. Trátase dun torneo aberto a todos os equipos de fútbol da provincia de categoría rexional e que reporta importantes ingresos para os clubs da provincia segundo van superando eliminatorias e que conta cunha achega de 120.000€ por parte da Deputación a repartir entre os 159 clubs participantes.  

A final desta clásica competición provincial celébrase este domingo 18 de maio cunha dobre cita no estadio pontevedrés de Pasarón. A final masculina, entre o Club Juventud Cambados e o CD Cultural Areas está prevista para as 12 horas; mentres que a feminina, entre o San Roque Casablanca e o Domaio FC, comezará ás 16.30 horas.

O compromiso do executivo que encabeza Luis López de consolidar ás Rías Baixas coma "a provincia do deporte" ten neste apoio ao fútbol provincial un novo exemplo que se une ao apoio aos deportistas, clubs e federacións, á organización de eventos deportivos de interese xeral e ao impulso á mellora de infraestruturas deportivas a través dun plan específico que reparte este ano 8 millóns entre os concellos da provincia.