Luisa Sánchez e Rafa Domínguez fan entrega da Copa Deputación de fútbol masculino ao CD Cultural Areas e feminino ao Domaio FC

Ambos mandatarios lembraron que a provincia é “un referente en fútbol e na organización de eventos deportivos de grande envergadura” e celebraron o éxito desta nova edición da Copa Deputación, a segunda desde que foi recuperada polo goberno provincial a pasada temporada

18/05/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, fixo entrega esta mañá no Estadio de Pasarón do título de flamantes vencedores da Copa Deputación de fútbol masculino aos integrantes CD Cultural Areas, mentres que o vicepresidente Rafa Domínguez fixo o propio pola tarde coa entrega do galardón ás gañadoras da Copa feminina ao Domaio FCAmbos mandatarios remarcaron no estadio pontevedrés a importancia de organizar e apoiar eventos deportivos como esta Copa Deputación, pois a provincia  é xa "un referente en fútbol e na organización de eventos deportivos de grande envergadura", e subliñaron o compromiso do organismo provincial cos clubs de fútbol, "para seguir impulsando o deporte e engrosar as bases".

Na Copa Deputación masculina a final enfrontou ao Club Juventud Cambados e ao C.D. Cultural Areas. Ambos equipos clasificáronse para a final da Copa Deputación despois de que o Juventud Cambados superase ao C.D. Ribadumia por cinco goles a cero e o C.D. Cultural Areas ao Juvenil de Ponteareas nos penaltis. No cadro feminino, o San Roque Casablanca chegou a esta final despois de derrotar dous goles a cero ao Atlético Villalonga B, e o Domaio FC tras impoñerse nos penaltis ás Celtas B.

A Deputación de Pontevedra recuperou na pasada temporada a Copa Deputación, unha competición de grande popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia, tras uns anos de parón, á que destina unha achega de 120.000 euros. Nela participaron este ano un total de 159 equipos masculinos e femininos da provincia adscritos ás delegacións de Pontevedra, Vigo e Santiago e inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados (masculinos) e sénior (femininos) de ámbito autonómico.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.