Entre Pontes chega a Gondomar cunha 10K, andaina e carreiras infantís tras esgotar as prazas nas dúas primeiras datas
A carreira celebrarase o 25 de outubro con saída e meta na Praza do Concello, onde se instalará unha zona de convivencia con foodtrucks, DJ e animación musical
17/09/2026
O circuíto Entre Pontes Trail & Running da Deputación de Pontevedra vén de abrir as súas inscricións de cara ás tres probas que se desenvolverán o 25 de outubro en Gondomar.
A carreira principal nesta terceira parada do circuíto consistirá nunha 10K sobre un percorrido circular de asfalto, con saída e chegada na Praza do Concello. A xornada ofrecerá tamén unha andaina non competitiva para quen queira participar camiñando e carreiras infantís con distancias adaptadas ás diferentes idades.
Ante a boa resposta que está tendo Entre Pontes Trail & Running, a vicepresidenta provincial animou a formalizar a inscrición canto antes. “En Arousa e en Vigo as prazas voaron. Así que xa aviso: que ninguén o deixe para o último día”, sinalou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, durante a presentación desta terceira parada en Gondomar, na que tamén participaron a deputada Paula Bouzós, a directora de Deportes, Xisela Aranda, e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira.
Ademais, a propia Praza do Concello converterase nun punto de encontro, cunha zona de convivencia, foodtrucks, DJ e animación musical. “O plan de domingo é redondo. Deporte para quen queira competir, andaina para quen queira facer exercicio na súa xusta medida, actividade para nenos e nenas e, ademais, unha zona gastronómica e de esparexemento”, salientou Luisa Sánchez.
A vicepresidenta da Deputación destacou precisamente esta combinación como unha das claves da proposta. “A intención é converter o centro de Gondomar no escenario dunha xornada deportiva e de ocio que tamén teña atractivo para quen non participe directamente nas probas”, subliñou.
Luisa Sánchez puxo en valor a resposta que está recibindo Entre Pontes Trail & Running nesta primeira edición e felicitou o equipo da Deputación encargado de sacar adiante o circuíto.
