Luis López enxalza a achega de Anxos Fazáns, Uxía Caride e Mabel Rivera para facer do audiovisual un sector máis igualitario e das Rías Baixas, unha “provincia de película”

O presidente provincial felicita ás dezasete nomeadas na gala realizada en colaboración con CIMA, na que actuou Woyza, celebrada no recentemente estreado auditorio de Marín e na que tamén participou a conselleira de Igualdade, Fabiola García

09/10/2026

Luis López enxalza a achega de Anxos Fazáns, Uxía Caride e Mabel Rivera para facer do audiovisual un sector máis igualitario e das Rías Baixas, unha “provincia de película”

As profesionais do sector audiovisual galego Anxos Fazáns, Uxía Caride e Mabel Rivera son as gañadoras da sexta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados este venres no recentemente estreado auditorio municipal de Marín. Un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA que ten como obxectivo visibilizar e recoñecer o labor da muller na industria audiovisual. A cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada pola música de Woyza, contou coa participación do presidente provincial, Luis López, que se encargou de entregar un dos tres galardóns. Os dous restantes os impuxeron a conselleira de Igualdade e Política Social da Xunta, Fabiola García; e a delegada territorial de CIMA Galicia, Cristina Rodríguez.

“Somos unha provincia de cine, ou de película, en sentido literal e en sentido figurado. Porque a extraordinaria beleza natural e patrimonial da provincia a converte nun auténtico escenario de cinema que atrae rodaxes, so este ano acollemos 60 producións; porque estimulamos a paixón polo cinema con ciclos como Mestre Mateo ou Cinema de Serán por distintos concellos da provincia; e porque recoñecemos o talento con premios como Mulleres no Foco ou coa rede de Rías Baixas Film Fest, sete festivais de cinema de prestixio e alcance internacional. Pero, o que nos converte en sentido literal nunha provincia de película é o talento das 17 mulleres candidatas a estes sextos Premios Mulleres no Foco. Un elenco extraordinario que se suma ás quince grandes profesionais do sector audiovisual de Galicia recoñecidas nas cinco edicións anteriores”, enxalzou o presidente provincial despois de entregar os premios para felicitar ás gañadoras, ás candidatas e ao xurado por todo o seu labor.

A construír esta provincia de cinema que é a das Rías Baixas están a contribuír de xeito diferencial as tres premiadas. Mabel Rivera, que non puido estar presente na gala, é, afirmou López, “un emblema da interpretación galega” ten unha traxectoria longa e chea de éxitos na pequena e gran pantalla, así como no teatro, que serviu para abrir camiño a novas xeracións de grandes intérpretes galegas. Uxía Caride exerce un labor fundamental na divulgación e formación neste eido como integrante de Agapi e profesora na Universidade de Santiago de Compostela. “Dúas décadas demostrando a importancia da Pre-Produción, a divulgación e a formación no audiovisual”, recoñeceu o dirixente. E Anxos Fazáns, que recolleu o premio no concello onde se criou, “está a demostrar que a factoría do audiovisual que temos na cidade vai sobrada de ideas, de iniciativas, de talento e de profesionalidade”, remarcou López para recoñecer a traxectoria desta nova directora e produtora de cinema.

Compromiso por un audiovisual máis igualitario

Tamén puxo o foco o máximo responsable da Deputación na razón de ser deste certame, que é poñer o foco no papel das profesionais do audiovisual no desenvolvemento desta industria. “O guión deste idilio entre a provincia de cinema, unha cidadanía de grandes profesionais e unha sociedade amante da sétima arte podería xirar arredor do esforzo de tantas produtoras, directoras, actrices, guionistas e técnicas para que o foco do recoñecemento xusto polo bo traballo tamén apuntara cara elas; dunha banda sonora na que as voces femininas non estiveran silenciadas, en segundo plano ou presas de rancios estereotipos; e dunha fotografía que recollera escenarios no que a man das mulleres non so fora visible, senón protagonista. Esta historia leva anos escribíndose. Unha saga que, malia ter estreado xa numerosos capítulos, aínda ten moitos por escribir. As autoras sodes todas vós, grandes profesionais sobradas de talento, coñecemento e valía para dirixir o camiño que tomará a historia. O resto da cidadanía estamos desexando asistir canto antes á seguinte entrega, á seguinte conquista, a que os focos iluminen as vosas carreiras tanto como merecedes e que esta provincia de película teña un final feliz”, reflexionou o presidente Luis López.

A gala de entrega dos sextos premios Mulleres no Foco, conducida polas xornalistas María Rey e Alba Mancebo, rematou cunha nova actuación de Woyza e cunha foto de familia nun auditorio de Marín que tamén podería ter unha secuencia propia. “Algún día a alcaldesa contará a historia deste auditorio. Non sei se para longametraxe, pero para un documental estou seguro que dá. Un longo camiño, sinuoso e non exento de obstáculos, que se rematou nun final feliz foi grazas ao traballo perseverante e rigoroso dunha muller, María Ramallo, á que hai que dar os parabéns por dotar á veciñanza de Marín e da provincia dun novo escenario para proxectar a nosa cultura”, concluíu López cun agradecemento pola cesión deste espazo a celebración da gala.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.